Activo un incendio forestal no concello pontevedrés de Silleda

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal, activo agora, que se rexistra no concello pontevedrés de Silleda, parroquia de Oleiros. O lume iniciouse ás 22:49 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais afecta a unha superficie que supera as 20 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 7 axentes, 8 brigadas, 11 motobombas e 2 pas.
Por outra parte, o incendio forestal declarado na parroquia de Pacios da Serra, no concello lucense de Quiroga, atópase estabilizado desde as 20:52 horas deste xoves.
As lapas comezaron o martes ás 15:25 horas e, de acordo coas últimas estimacións de carácter provisional, o lume chegou a afectar unha superficie de 420 hectáreas.
A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ao mesmo tempo, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que alcanzan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.