Activo un novo incendio en Ponteareas e extinguido outro en Lousame

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal, activo agora, rexistrado no concello pontevedrés de Ponteareas, parroquia de Nogueira.
Este lume iniciouse ás 17,39 horas de onte e, segundo as últimas estimacións provisionais, supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 9 axentes, 8 brigadas, 8 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 4 avións.
Por outra banda, o incendio forestal rexistrado no concello coruñés de Lousame, parroquia de Lesende, quedou extinguido ás 18,15 horas de onte.
Este lume comezou o pasado venres, día 14, ás 17,32 horas e finalmente afectou unha superficie de 31,41 hectáreas, a maior parte delas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 técnicos, 23 axentes, 36 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 9 helicópteros e 4 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ao mesmo tempo, tamén está dispoñible para a súa descarga Alume, a aplicación para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que alcanzan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.