ADEGA alerta das eivas ambientais de dous proxectos de centrais hidroeléctricas reversibles no río Miño

ADEGA-Pontevedra Sur presentou alegacións aos proxectos das centrais hidroeléctricas reversibles de Crecente e Filgueira, promovidos por Silvana Renovables S.L. e Naturgy Renovables S.L.U., respectivamente, ao considerar que a documentación inicial presenta importantes carencias na avaliación dos posibles impactos ambientais.
A organización ecoloxista reclama que os estudos de impacto ambiental inclúan inventarios actualizados, traballos de campo e análises rigorosas das consecuencias destas infraestruturas sobre os ecosistemas, os recursos hídricos e as especies ameazadas. Ademais, pide avaliar os efectos acumulativos destes dous proxectos xunto cunha terceira central prevista na conca do Avia.
Unha das principais preocupacións de ADEGA é a posible afección a hábitats de interese comunitario, algúns deles prioritarios, como as breixeiras húmidas atlánticas e os bosques aluviais. No caso de Crecente, a entidade denuncia reducións importantes na superficie cartografada destes hábitats sen que existan prospeccións de campo suficientes que xustifiquen os cambios.
A asociación tamén alerta dos posibles efectos sobre especies protexidas, como a tartaraña cincenta, o sapoconcho e o desmán ibérico, que poderían verse afectadas pola construción e o funcionamento das instalacións.
Outro dos aspectos que preocupan á organización é o impacto sobre o río Miño e os recursos hídricos. Os proxectos contemplan grandes caudais de bombeo, polo que ADEGA considera necesario estudar as posibles interaccións coas augas superficiais e subterráneas, así como os efectos sobre a temperatura e a calidade da auga.
A entidade advirte tamén de que os movementos de terras, a apertura de accesos e a construción de grandes recheos e noiros poden incrementar a erosión e favorecer o arrastre de sedimentos cara aos cursos fluviais, con consecuencias para os solos, a vexetación e os ecosistemas acuáticos.
ADEGA-Pontevedra Sur insiste na necesidade de analizar conxuntamente as tres centrais proxectadas na contorna para determinar os seus posibles efectos acumulativos e sinérxicos sobre o Miño, os hábitats e a biodiversidade.
A organización recoñece que as centrais reversibles poden contribuír ao almacenamento de enerxía e á estabilidade do sistema eléctrico, pero lembra que a súa construción pode provocar importantes transformacións ambientais e paisaxísticas.
Por iso, defende que o impulso ás enerxías renovables debe ser compatible coa conservación da biodiversidade, a protección da auga e a preservación da paisaxe e do patrimonio, e reclama que non se aproben os proxectos se non queda suficientemente acreditada a súa compatibilidade ambiental.