ADEGA celebra medio século de ecoloxismo galego cun acto conmemorativo en Santiago

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) celebrará o vindeiro 1 de xuño un acto conmemorativo polo seu 50 aniversario no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A cita, que terá lugar nas vésperas do Día Mundial do Medio Ambiente, servirá para facer balance de cinco décadas de traxectoria da considerada asociación decana do ecoloxismo galego.
A xornada comezará ás 17.00 horas cunha presentación institucional na que participarán representantes do Consello da Cultura Galega, ADEGA e a Deputación da Coruña. Posteriormente proxectarase o documental A Terra por gañar, unha peza audiovisual que percorre a historia da organización desde a súa fundación ata a actualidade a través das testemuñas de persoas vinculadas ao movemento ecoloxista galego.
Tras a proxección celebrarase un debate no que intervirán Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía e expresidente de ADEGA; Adela Figueroa Panisse, socia fundadora da entidade e escritora; Pilar Bermejo Barrera, catedrática de Química Analítica da Universidade de Santiago de Compostela; e Fins Eirexas, xeólogo e secretario técnico da asociación. A conversa estará moderada pola xornalista e secretaria executiva de ADEGA, Belén Rodríguez.
Durante o acto tamén se presentará o libro ADEGA: 50 anos coidando a terra, unha publicación que recolle a evolución da entidade e o seu papel nas principais mobilizacións ambientais desenvolvidas en Galicia nas últimas décadas.
ADEGA naceu a mediados dos anos setenta, nun contexto marcado pola ditadura franquista e polos primeiros debates internacionais sobre a crise ambiental. Desde entón, participou activamente en numerosas loitas ecoloxistas e sociais en Galicia, opoñéndose a proxectos considerados de forte impacto ambiental como centrais nucleares, encoros, minicentrais hidroeléctricas, incineradoras, explotacións mineiras ou determinados parques eólicos.
Ao longo da súa historia, a asociación tamén impulsou campañas pioneiras de sensibilización ambiental relacionadas coa reciclaxe, a compostaxe ou a limpeza de ríos e praias, ademais de iniciativas como o Proxecto Ríos e propostas lexislativas populares no Parlamento galego.
O acto rematará arredor das 20.00 horas co peche institucional da xornada.