ADEGA cuestiona o estado de conservación do lobo e critica a metodoloxía da Xunta no informe sexenal

Afirma que o informe estatal indica que a especie está nun estado de conservación desfavorable tanto no conxunto do Estado como en Galicia
Lobo Lespre
28 May 2026

ADEGA presentou alegacións no marco do proceso de información pública do informe sexenal sobre a especie Canis lupus, promovido polo MITERD, no que rexeita a avaliación realizada pola Xunta, que considera que o lobo se atopa nun estado de conservación favorábel.

A organización ecoloxista sostén que as evidencias científicas recollidas no informe estatal indican que a especie está nun estado de conservación desfavorábel tanto no conxunto do Estado como en Galicia. Pola contra, critica que o documento alternativo da Xunta defende unha situación favorábel baseada en datos e argumentos que considera metodoloxicamente débiles.

Segundo ADEGA, os datos da Xunta proceden do censo 2021-2022, no que se estimou a presenza de 93 mandas reprodutoras, incluídas 21 compartidas con outras comunidades autónomas e Portugal. Porén, denuncia cambios metodolóxicos nos traballos de campo, ao engadirse en 2022 mostras parciais realizadas en zonas concretas e con criterios distintos aos aplicados no censo xeral, o que, ao seu xuízo, distorsiona os resultados finais e podería inflar a estimación de poboación.

A entidade ecoloxista afirma que, se só se tivesen en conta os datos de 2021, a estimación sería inferior, arredor de 76 mandas, o que modificaría o diagnóstico sobre o estado de conservación da especie en Galicia.

ADEGA tamén cuestiona a interpretación da evolución da poboación, e sinala que, mesmo cos datos oficiais, o crecemento sería practicamente nulo, mentres que con estimacións máis baixas se situaría en valores negativos, o que indicaría estancamento ou regresión. Engade que a falta de crecemento en sete anos podería explicarse pola mortalidade non natural, como furtivismo, e estima entre 200 e 300 lobos mortos ao ano por estas causas.

Finalmente, a organización critica a xestión da Xunta e menciona unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se cuestiona a falta de verificación técnica suficiente nos informes administrativos sobre danos atribuídos ao lobo. ADEGA conclúe que existe unha utilización política da especie e reclama unha xestión baseada en criterios científicos e na mellora da coexistencia coa gandaría.

0.3273401260376