ADEGA denuncia a eliminación de exemplares da xesta de Ons durante o rozado de camiños

A asociación ecoloxista ADEGA denuncia a eliminación de varios exemplares da xesta de Ons (Cytisus insularis S. Ortiz & Pulgar), unha especie endémica en perigo de extinción, durante os labores de rozado e limpeza das marxes dos camiños da illa.
Segundo explica a entidade, persoal de ADEGA desprazouse recentemente á Illa de Ons para comprobar sobre o terreo o alcance das afeccións ao patrimonio natural provocadas polas obras de “acondicionamento” realizadas na zona. Durante a visita, os ecoloxistas puideron documentar a desaparición de dous exemplares da xesta de Ons situados nas proximidades do núcleo habitado.
ADEGA sinala que os exemplares foron tallados probablemente como consecuencia dos traballos de rozado e limpeza dos camiños. Nun dos casos, segundo a asociación, os restos dun exemplar de grandes dimensións e longa idade quedaron depositados á beira da pista de acceso ao cámping.
A entidade enmarca estes feitos nas recentes actuacións impulsadas pola Axencia de Turismo de Galicia na Illa de Ons, que foron obxecto de críticas por parte de colectivos ecoloxistas e da veciñanza. ADEGA cuestiona que os traballos se realizasen nun espazo integrado nun Parque Nacional e denuncia a ausencia de consulta pública e de avaliación ambiental previa.
A asociación asegura que durante estas intervencións se colocaron uns 4.000 metros cadrados de novo pavimento, instalouse mobiliario urbano, escaváronse pistas, alterouse o substrato e eliminouse vexetación autóctona, ademais de realizarse actuacións nunha praia.
Unha especie en perigo de extinción
A xesta de Ons é un endemismo da costa atlántica de Galicia que se atopa unicamente na Illa de Ons e, de maneira residual, na illa de Vionta, na Arousa, e na península do Morrazo. A especie está catalogada como “En perigo de extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e conta coa mesma categoría na clasificación da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN).
ADEGA lembra que a propia Xunta identifica como ameazas para as poboacións desta especie os procesos de urbanización e a competencia con outras especies. Por iso, considera especialmente grave que os labores de acondicionamento dos camiños para facilitar o tránsito turístico e manter despexados os accesos acabasen afectando exemplares da planta.
A asociación critica así a xestión dos espazos naturais protexidos por parte da Xunta e considera que actuacións como as realizadas en Ons supoñen unha transformación destes lugares para adaptalos ao turismo.
ADEGA anunciou que reclamará explicacións ás administracións responsables polos feitos e que non descarta emprender accións legais para depurar responsabilidades e garantir a protección efectiva das especies máis ameazadas do patrimonio natural galego.