ADEGA denuncia a falta de protección e restauración dos espazos naturais ante a nova campaña de incendios

A entidade cuestiona as medidas anunciadas para esta campaña, como a aplicación de lumes técnicos en espazos protexidos e o incremento das superficies de rozas e queimas controladas
monte-queimado-incendios-forestal
7 Jul 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) advertiu da situación de vulnerabilidade na que, ao seu xuízo, se atopan os espazos naturais protexidos galegos ante a nova tempada de incendios forestais. A entidade considera insuficientes as medidas impulsadas pola Xunta para a prevención dos lumes e critica a ausencia dun plan de restauración ecolóxica para as áreas afectadas polos grandes incendios do pasado verán.

Segundo lembra a organización ecoloxista, os incendios de 2025 afectaron a preto de 38.000 hectáreas da Rede Natura 2000, o que representa arredor do 26 % da superficie total queimada en Galicia. ADEGA sinala que se trata da maior afección rexistrada sobre esta figura de protección europea desde a súa implantación na comunidade en 2004. Ademais, outros 8.800 hectáreas pertencentes a áreas propostas para a ampliación da Rede Natura tamén resultaron afectadas polos lumes.

A entidade cuestiona especialmente as medidas anunciadas pola Consellería de Medio Ambiente para esta campaña, entre as que figuran a aplicación de lumes técnicos en espazos protexidos e o incremento das superficies nas que se permiten rozas e queimas controladas. Segundo ADEGA, estas actuacións contribúen a transmitir a idea de que os hábitats naturais representan un risco para a prevención dos incendios, cando sostén que ecosistemas ben conservados, como as matogueiras húmidas e os bosques maduros, poden actuar como barreiras naturais fronte ao avance do lume.

A asociación tamén critica que a Xunta non publicase o mapa de riscos previsto na Lei de prevención de incendios forestais, documento que permitiría identificar zonas especialmente sensibles á erosión e avaliar posibles afeccións sobre recursos naturais e infraestruturas. Do mesmo xeito, considera insuficientes os traballos de restauración realizados ata o momento nas zonas queimadas da Rede Natura, ao asegurar que só se actuou nunha parte das superficies consideradas prioritarias.

En relación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) para 2026, ADEGA subliña que unha cuarta parte do orzamento está destinada á prevención, pero denuncia que non existen medidas específicas para os espazos naturais protexidos nin partidas destinadas á restauración ecolóxica das áreas afectadas polo lume.

A organización ecoloxista tamén acusa á Xunta de falta de transparencia na xestión das consecuencias dos incendios. Segundo explica, a Administración autonómica non facilitou aínda información detallada sobre a afección dos lumes aos hábitats e especies protexidas nin sobre as actuacións previstas para a recuperación destas zonas. ADEGA lembra que solicitou a convocatoria extraordinaria do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable para abordar esta cuestión, petición que, segundo afirma, foi rexeitada.

A entidade conclúe que o patrimonio natural galego afronta unha nova campaña de incendios sen contar coas medidas de prevención e restauración que considera necesarias, e reclama unha maior implicación das administracións na conservación dos espazos protexidos e na recuperación das áreas afectadas polos grandes lumes.

0.31601715087891