ADEGA denuncia danos en hábitats protexidos da praia do Róbalo, en Aguiño, por traballos con maquinaria pesada

A asociación ecoloxista ADEGA denunciou a realización de traballos con maquinaria pesada na praia do Róbalo, tamén coñecida como praia da Tasca, situada no centro da vila de Aguiño, no concello de Ribeira. Segundo a entidade, as actuacións comezaron o pasado sábado 6 de xuño, coincidindo coa véspera do Día Mundial dos Océanos, e consistiron en labores de explanación, movemento de area e eliminación de vexetación dunar.
ADEGA asegura que estas actuacións se desenvolveron directamente sobre a praia e afectaron diversos hábitats de interese comunitario recollidos no Anexo I da Directiva Europea de Hábitats. Entre eles atópanse as dunas con céspedes de Malcomietalia, a vexetación anual sobre argazos, as dunas móbiles embrionarias, as dunas litorais con Ammophila arenaria e as denominadas dunas grises, consideradas hábitats prioritarios pola normativa europea.
A organización ambiental tamén advirte de que a zona afectada forma parte da área de presenza e da zona crítica da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha ave catalogada como vulnerable en Galicia e que actualmente se atopa en plena época de reprodución. O espazo está incluído no ámbito de protección establecido polo Plan de Conservación desta especie aprobado pola Xunta de Galicia.
A entidade ecoloxista considera que estes feitos poñen a proba a xestión da Xunta de Galicia sobre o litoral tras a recente transferencia das competencias costeiras. ADEGA lembra que durante o ano 2025 a administración autonómica autorizou máis de 400 chiringuitos nas praias galegas e critica unha política que, ao seu xuízo, prioriza a explotación turística fronte á conservación dos ecosistemas costeiros.
Neste contexto, a organización reclama unha actuación inmediata da Consellería de Medio Ambiente. Entre as medidas solicitadas figura a realización dunha inspección sobre o terreo para avaliar o alcance dos danos, comprobar a legalidade das actuacións executadas e verificar a existencia das autorizacións ou avaliacións ambientais necesarias.
ADEGA pide ademais a adopción de medidas cautelares que impidan a continuidade ou agravamento das afeccións detectadas e reclama que, no caso de confirmarse infraccións da normativa ambiental, se abra o correspondente expediente sancionador e se adopten as actuacións necesarias para restaurar os valores naturais afectados.