ADEGA impugnará a sección de reforzo creada no TSXG para resolver recursos eólicos

A asociación ecoloxista considera que a creación dun tribunal «ad hoc» para ditar sentenza sobre os litixios eólicos vulnera o dereito á tutela xudicial efectiva das entidades recorrentes. A proposta foi levada á Sala de Goberno do 30 de outubro, cuxa acta aínda non foi publicada.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) manifesta a súa oposición á proposta de crear unha sección especial de reforzo para resolver os litixios sobre autorizacións de parques eólicos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A entidade anuncia que impugnará esta medida polas vías que en Dereito procedan, ao considerar que a súa configuración e tramitación incumpren as garantías que deben rexer a organización dos tribunais nun Estado de Dereito.
ADEGA comparte a preocupación expresada por Xuízas e Xuíces para a Democracia, que denunciou publicamente a proposta de selección directa dos integrantes deste reforzo, sen publicidade nin libre concorrencia. A proposta foi incluída na orde do día da reunión da Sala de Goberno do TSXG celebrada o 30 de outubro de 2026 como unha simple dación de conta, e a asociación xudicial cuestionou esta forma de tramitar unha decisión que requiría debate e control sobre a súa procedencia e legalidade.
A día de hoxe, o Tribunal aínda non publicou a acta daquela sesión. ADEGA denuncia que esta falta de publicidade impide coñecer publicamente os termos exactos da decisión adoptada e agrava a opacidade que rodea unha medida de especial transcendencia para as entidades que manteñen recursos eólicos en tramitación.
Para ADEGA, a necesidade de axilizar os procedementos esixe medios suficientes e unha organización transparente, con pleno respecto ás regras de designación dos maxistrados e maxistradas. A acumulación de asuntos non pode servir de xustificación para elixir á marxe desas garantías quen debe resolver uns litixios concretos.
Os cambios de sección, impugnados ante o Tribunal Supremo
A proposta chega despois do traslado forzoso de maxistrados da Sección Terceira, que viña coñecendo dos recursos eólicos, e da posterior remisión destes asuntos á Sección Segunda.
ADEGA impugnou ante o Tribunal Supremo as decisións de cambio de sección de cada un dos procedementos contra autorizacións eólicas nos que é parte demandante. Tamén recorreu a decisión do Consello Xeral do Poder Xudicial de inadmitir a trámite os recursos de alzada que a asociación presentara fronte a eses cambios. O Tribunal Supremo xa recoñeceu a súa competencia para coñecer destas impugnacións.
Para ADEGA, esta sucesión de decisións gobernativas vulnera o dereito fundamental ao xuíz ordinario predeterminado pola lei e compromete o dereito á tutela xudicial efectiva. Está en xogo unha garantía esencial para todas as partes, pois a determinación de quen debe resolver os seus recursos debe responder a regras previas, obxectivas e transparentes, aplicadas con pleno respecto aos procedementos legais.
ADEGA sitúa estas actuacións nun contexto de presión política e empresarial contra as resolucións cautelares que frearon a execución de multitude de proxectos eólicos, polo que considera necesario non só o efectivo control da súa legalidade, senón tamén que se dean ante a cidadanía as imprescindibles explicacións, como lle corresponde facer a un poder xudicial que deriva da soberanía popular.
Máis inseguridade xurídica e unha espiral de litixios
ADEGA advirte de que estas decisións engaden de forma significativa unha maior inseguridade xurídica ao panorama eólico galego. Ao debate sobre a legalidade das autorizacións administrativas do sector eólico súmase agora a controversia sobre quen debe resolver os recursos e mediante que procedementos se decide a composición dos tribunais.
O resultado, denuncia a asociación, é un escenario de conflitividade xudicial inaudito e desesperante, no que en poucos meses se cambiou tres veces, camiñando cara a unha cuarta, a composición da Sala encargada de coñecer as impugnacións do sector eólico, aniquilando o dereito fundamental ao xuíz ou xuíza predeterminado pola lei.
Como consecuencia das decisións gobernativas adoptadas, multiplicáronse os procedementos e prolongouse a incerteza, o que obrigou as entidades ambientais e a cidadanía a dedicar máis recursos á defensa dos seus dereitos e intereses lexítimos.
Esta conflitividade xudicial está chamada a incrementarse exponencialmente se se xeneraliza a segunda tramitación de proxectos que xa foran autorizados e cuxa execución foi paralizada pola xustiza ordinaria, despropósito xurídico posibilitado por unha modificación legal aprobada mediante o rodete do Partido Popular no Parlamento de Galicia.
Meses sen resposta á solicitude de amparo ante a presidencia do TSXG
ADEGA lembra que hai meses, ademais de solicitar o amparo da presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial, pediu explicacións ao presidente do TSXG ante os cambios que afectan os procedementos de impugnacións eólicas nos que é parte demandante, e que a día de hoxe aínda non se ofreceron.
Malia ese silencio, que menoscaba a imaxe da xustiza como un servizo público eficiente e independente do poder político, a asociación continuará defendendo nos tribunais o patrimonio natural e os dereitos da cidadanía.
Con este obxectivo, esgotará todas as vías que en Dereito procedan para reclamar que os seus recursos sexan resoltos con independencia, con medios suficientes e co escrupuloso respecto ás garantías legais.