ADEGA inaugura en Moaña a mostra '50 anos coidando a terra' e reivindica un Morrazo "sempre combativo"

Esta permanecerá nos xardíns do Concello ata o vindeiro 15 de setembro
mostra-adega-en-moana
20 Aug 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou este mércores nos xardíns do Concello de Moaña a exposición «50 anos coidando a terra», unha mostra itinerante que repasa máis de cinco décadas de ecoloxismo galego e das principais loitas ambientais desenvolvidas no país.

A exposición, que conta coa colaboración do Concello de Moaña, permanecerá instalada nos xardíns municipais ata o 15 de setembro. No acto de presentación participaron a presidenta de ADEGA Vigo-O Morrazo, Lucía Soliño, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, o tenente de alcaldesa, Daniel Costas, o secretario xeral de ADEGA, Miguel Leirós, e representantes de colectivos ambientais e sociais do municipio.

Durante a inauguración, Lucía Soliño destacou que a mostra pretende ser unha homenaxe ao activismo galego e ás persoas que ao longo destas décadas contribuíron á defensa do patrimonio natural e á construción dunha sociedade máis xusta e equitativa.

A responsable de ADEGA-Vigo puxo especialmente o foco na traxectoria reivindicativa do Morrazo, unha comarca que definiu como «sempre combativa» na defensa da terra e do mar. Neste sentido, lembrou diferentes mobilizacións relacionadas coa protección do litoral, a contaminación, os incendios forestais e o rexeitamento de determinados proxectos enerxéticos.

Soliño reivindicou tamén o papel da cidadanía nas diferentes loitas ambientais e asegurou que ADEGA continuará traballando para preservar os espazos naturais do concello, combinando o rigor e a crítica social coa mobilización.

Pola súa banda, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, destacou a colaboración mantida polo Concello coa asociación e o compromiso do Goberno local coa defensa do medio ambiente. Santos referiuse tamén ao recente arquivo do expediente do parque eólico proxectado nos montes do Morrazo como un exemplo da importancia da mobilización cidadá.

A mostra está composta por 16 paneis distribuídos en catro tótems expositivos, acompañados de elementos que evocan algunhas das principais campañas do movemento ecoloxista galego. Entre os episodios lembrados figuran as mobilizacións contra grandes encoros, a oposición á central nuclear de Xove e a loita contra os vertidos radioactivos no Atlántico.

Tamén se repasan casos emblemáticos como Baldaio, As Encrobas ou o Prestige, convertidos en referentes da defensa ambiental e da mobilización social en Galicia. A exposición aborda ademais problemáticas que continúan afectando ao territorio, entre elas a incineración de residuos, a eucaliptización, os incendios forestais e a explotación dos recursos enerxéticos e mineiros.

A través deste percorrido histórico, ADEGA busca ofrecer unha mirada ao pasado do ecoloxismo galego pero tamén poñer o foco nos retos ambientais actuais e no traballo que queda por diante. A organización reivindica así o papel da sociedade civil na transformación do territorio e na defensa do medio ambiente.

0.39401912689209