ADEGA pide a execución forzosa da sentenza que obriga a recuperar a protección ambiental da zona prevista para Altri

ADEGA vén de solicitar a execución forzosa da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga á Xunta a restituír a protección ambiental da área na que estaba previsto instalar a macrocelulosa de Altri. A organización ecoloxista denuncia que o Goberno galego non cumpriu voluntariamente o fallo, que adquiriu firmeza en abril de 2026, e advirte de que a modificación normativa que pretende introducir a través da Lei de acompañamento aos orzamentos de 2027 podería limitar os efectos da resolución xudicial.
O conflito remóntase á aprobación, hai dous anos, da Estratexia da Infraestrutura Verde (EIV) de Galicia. Segundo lembra ADEGA, a Xunta eliminou daquela a protección prevista para o territorio no que se proxectaba construír a fábrica de Altri, sen achegar unha xustificación para o cambio. A organización sostén que esta modificación pretendía facilitar a implantación industrial nunha área con hábitats prioritarios e especies ameazadas, cuxa protección inicial como "zona de amortecemento" dificultaría o desenvolvemento do proxecto.
ADEGA recorreu por vía contencioso-administrativa a orde que aprobaba a estratexia modificada. En febreiro de 2026, o TSXG fallou a favor da entidade ecoloxista na sentenza 00060/2026 e condenou á Xunta a recuperar a consideración de "zona de amortecemento" para a área pretendida por Altri.
Na resolución, a Sala Segunda do tribunal considerou que a actuación da Administración autonómica era contraria ao principio de non regresión ambiental. Ademais, cualificou o cambio de criterio de "contraditorio e sumamente estraño", ao non estar motivada nin xustificada a retirada da protección prevista inicialmente.
Para ADEGA, a recuperación desta figura de protección cuestiona a posibilidade de desenvolver o proxecto de celulosa na localización proposta e afecta á validez da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) concedida no seu momento pola Consellería de Medio Ambiente, xa que, segundo a organización, non tería en conta os niveis de protección asociados á condición de zona de amortecemento.
A sentenza adquiriu firmeza en abril deste ano. Porén, transcorridos seis meses sen que a Xunta a executase voluntariamente, ADEGA decidiu instar a súa execución forzosa ante a xustiza. O fallo establece que a Administración debe restablecer a protección que figuraba na Estratexia antes do trámite de información pública e anular a modificación posterior.
A organización considera que o cumprimento da resolución podería deixar sen aval ambiental o proxecto de Altri nese territorio, ao incorrer a DIA nun posible vicio de nulidade, no caso de que se pretendese retomar a iniciativa.
ADEGA denuncia unha modificación legal para sortear a sentenza
A entidade ecoloxista tamén alerta da modificación da Lei de ordenación do territorio que a Xunta pretende incorporar á Lei de acompañamento dos orzamentos de 2027. Na súa opinión, a reforma ten como finalidade evitar as consecuencias da sentenza 00060/2026, que obriga a manter na Estratexia da Infraestrutura Verde a protección da área prevista para a instalación industrial.
ADEGA cuestiona a argumentación normativa empregada polo Goberno galego, que, segundo explica, parte dunha suposta confusión entre a Estratexia da Infraestrutura Verde aprobada en 2024 e a figura da infraestrutura verde recollida na Lei de ordenación do territorio de 2021.
A reforma modifica o punto 3 do artigo 4 da Lei 1/2021 para establecer que os instrumentos de ordenación territorial deberán ter en conta as determinacións dos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e os elementos que, conforme ás directrices das estratexias de infraestrutura verde, conectividade e restauración ecolóxicas, integren a infraestrutura verde de Galicia "tras a súa selección e declaración formal".
Ademais, a proposta elimina o artigo 9.2 e modifica o artigo 9.3 e a letra h do artigo 24.1, co obxectivo de que os instrumentos de ordenación territorial definan a infraestrutura verde e regulen os usos permitidos nos seus espazos, unha vez que a Xunta os declare oficialmente.
Segundo ADEGA, ata agora os espazos identificados na Estratexia da Infraestrutura Verde debían incorporarse, identificarse e caracterizarse directamente nos instrumentos de ordenación territorial. Coa modificación proposta, a súa inclusión efectiva na infraestrutura verde dependería dunha declaración formal da Xunta, independentemente de que xa aparecesen na estratexia aprobada en 2024.
A organización considera que este cambio convertería nunha decisión discrecional do Goberno galego a protección que ata agora derivaba da inclusión dos espazos na estratexia. ADEGA cualifica a iniciativa de "treta antidemocrática e infame" e sostén que podería permitir recuperar o aval ambiental ao proxecto de Altri se o PP e Vox chegasen ao Goberno central e modificasen tamén a planificación eléctrica.
A entidade establece un paralelismo coa reforma que, segundo denuncia, permite volver tramitar parques eólicos paralizados cautelarmente. Ao seu xuízo, ambas as iniciativas perseguen limitar os efectos das resolucións xudiciais mediante cambios lexislativos impulsados pola maioría parlamentaria.
"Se por sentenza se declara a ilegalidade dunha acción da Xunta ou se paralizan os efectos dunha decisión administrativa, o PP aplica o rolo parlamentario para subverter a división de poderes e o control do poder executivo polo xudicial", sostén ADEGA, que acusa o Partido Popular de utilizar a normativa autonómica para favorecer intereses privados e sortear decisións dos tribunais.
A organización ecoloxista advirte á cidadanía galega de que, segundo a súa interpretación, o PP estaría disposto a retomar o proxecto da macrocelulosa se chega ao Goberno do Estado. Tamén traslada a súa preocupación ao poder xudicial e pide que se teña en conta este proceder polas súas posibles implicacións para o funcionamento do sistema democrático.
ADEGA conclúe que manterá a súa oposición á iniciativa industrial e que actuará fronte a unha eventual reactivación administrativa do proxecto de Altri.