ADEGA pide á Xunta que rexeite a utilidade pública dos parques eólicos paralizados polo TSXG

ADEGA reclamou á Xunta de Galicia que denegue as solicitudes de declaración de utilidade pública dos parques eólicos que permanecen paralizados cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao considerar que non se deben autorizar novas actuacións administrativas mentres estes proxectos continúen suspendidos por decisión xudicial.
A organización ecoloxista centra a súa denuncia no parque eólico de Xesteirón, situado nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo, ao carón do Macizo Central ourensán. O proxecto foi promovido inicialmente por Greenalia e posteriormente vendido á compañía francesa Engie, que agora solicitou a declaración de utilidade pública da instalación.
ADEGA lembra que as autorizacións deste parque foron recorridas pola entidade en 2024 mediante un recurso contencioso-administrativo ante o TSXG. En agosto dese mesmo ano, o alto tribunal acordou a suspensión cautelar das obras ao considerar acreditada a existencia de elementos ambientais especialmente sensibles na zona e o risco de que a execución do proxecto provocase danos irreparables ou de difícil reparación.
Segundo recorda a asociación, o auto xudicial sinalaba a presenza de especies ameazadas como a aguia real, o voitre branco ou o millafre real, aplicando o principio de precaución previsto na normativa comunitaria e dando prioridade ás razóns ambientais fronte aos argumentos económicos defendidos pola empresa promotora e pola Xunta.
ADEGA tamén vincula esta situación coa venda realizada por Greenalia en 2023 a Engie dun paquete de cinco parques eólicos en Galicia, entre os que se atopaba Xesteirón. A operación, cifrada en 58 millóns de euros, produciuse poucos días despois de que o TSXG anulase as autorizacións do parque eólico Campelo, o primeiro dunha serie de proxectos da compañía afectados por resolucións xudiciais.
Segundo explica a entidade ecoloxista, ademais de Xesteirón tamén forman parte desa operación os parques de Rodicio II, As Penizas, Touriñán III-2 e Suime, todos eles paralizados cautelarmente na actualidade, ben por recursos promovidos por ADEGA no marco da campaña Ti podes paralos ou por denuncias doutras entidades.
A organización considera que Greenalia se desprendeu destes proxectos nun contexto marcado polas resolucións desfavorables dos tribunais e polas deficiencias ambientais detectadas nas autorizacións, polo que cuestiona que Engie continúe impulsando a súa tramitación.
ADEGA sostén que a solicitude de utilidade pública do parque de Xesteirón podería responder a unha estratexia para transmitir aos accionistas a continuidade do proxecto e, ao mesmo tempo, exercer presión sobre a veciñanza afectada mediante a posibilidade de futuras expropiacións, a pesar de que o parque permanece suspendido e de que a resolución definitiva do procedemento xudicial podería demorarse varios anos.
Por este motivo, a asociación insta á Xunta a non autorizar ningunha actuación administrativa relacionada cos parques eólicos suspendidos cautelarmente polo TSXG e a rexeitar especialmente a declaración de utilidade pública daqueles proxectos sobre os que existen, segundo subliña, fundadas sospeitas de que poidan causar danos irreparables aos valores ambientais protexidos.