ADEGA presenta alegacións a dous proxectos de almacenamento eléctrico de baterías en Chantada

Advirten dun posible impacto conxunto na Ribeira Sacra dos proxectos GRX Belesar I e II
proxecto-belesar-oimaxe-adega
Imaxe de ADEGA
12 May 2026

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de presentar alegacións ao proxecto GRX Belesar II, unha instalación de almacenamento de enerxía mediante baterías prevista no concello de Chantada. A entidade ecoloxista considera que esta iniciativa non pode ser avaliada de forma illada, senón conxuntamente co proxecto GRX Belesar I, tamén obxecto de alegacións recentes.

Segundo ADEGA, ambas actuacións forman en realidade parte dun único macroproxecto industrial que estaría sendo dividido en varios expedientes co obxectivo de evitar unha avaliación ambiental global e máis rigorosa.

A organización lembra que a Lei estatal 21/2013 de Avaliación de Impacto Ambiental recolle este tipo de instalacións enerxéticas entre as que deben someterse, cando menos, a avaliación simplificada. Ademais, pola súa proximidade á zona de amortecemento do Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, podería ser necesaria incluso unha avaliación ordinaria. Con todo, ADEGA denuncia que a documentación sometida a exposición pública non inclúe ningún procedemento ambiental nin analiza os posibles impactos conxuntos.

Os proxectos, promovidos polas empresas GR Cormorán Renovables S.L.U. e GR Charrán Renovables S.L.U., prevén a instalación de 144 contedores marítimos con baterías de litio nunha mesma parcela situada na parroquia de Pesqueiras, xunto con subestacións eléctricas, liñas soterradas e outras infraestruturas asociadas.

Desde a organización ecoloxista advirten do forte impacto paisaxístico e territorial que podería supoñer esta actuación nun ámbito de alto valor cultural e ambiental como a Ribeira Sacra. Sinalan que se trata dunha instalación industrial de grande escala nunha contorna rural visible desde varios núcleos de poboación e moi próxima a un espazo protexido.

ADEGA alerta tamén da artificialización do territorio e da perda de solo agrario, así como dos efectos acumulativos derivados da concentración de infraestruturas enerxéticas na zona.

A entidade insiste en que ambos proxectos comparten punto de evacuación eléctrica cara á subestación SET Soilan II, polo que consideran evidente que funcionan como unha única actuación fragmentada administrativamente. Neste sentido, critican que a tramitación por separado reduce os controis ambientais e dificulta a avaliación real dos impactos globais.

Finalmente, ADEGA reclama unha planificación máis rigorosa do desenvolvemento enerxético no rural galego e advirte de que non se debe converter o territorio en “un polígono industrial ao servizo de intereses especulativos, sen planificación territorial nin garantías ambientais”.

0.30494523048401