ADEGA solicita ao Concello de Sarria revisar a licenza da planta de CSR de Votorantim no Oural

A entidade considera que no expediente non consta a autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e pide a suspensión cautelar das obras
Votorantim-terreos
9 Jul 2026

ADEGA-Lugo presentou un escrito no Concello de Sarria no que solicita a revisión de oficio da licenza urbanística concedida para a construción da planta de produción de Combustible Sólido Recuperado (CSR) promovida por Votorantim Cimentos no Oural.

A asociación fundamenta a súa petición na análise do expediente municipal da licenza, no que asegura que non figura a preceptiva autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para executar movementos de terras e outras actuacións que afectan ao dominio público hidráulico, así como á zona de servidume e á zona de policía do regato que atravesa a parcela onde se están desenvolvendo as obras.

ADEGA lembra que a lexislación en materia de augas establece a obrigatoriedade de obter unha autorización previa do organismo de conca para este tipo de actuacións. Ademais, sinala que a propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil advertiu, no informe emitido durante a tramitación ambiental do proxecto, de que calquera intervención sobre os cauces e as súas zonas de protección require unha autorización específica e independente dos informes ambientais.

No escrito presentado, a entidade solicita ao Concello que verifique se esa autorización foi concedida e, no caso de que non exista, que inicie o procedemento para revisar a licenza urbanística por unha posible causa de nulidade. Así mesmo, reclama a suspensión cautelar da eficacia da licenza e a paralización inmediata das obras co obxectivo de evitar posibles danos de difícil ou imposible reparación sobre o dominio público hidráulico e os ecosistemas asociados.

ADEGA considera que as administracións públicas teñen a responsabilidade de garantir o cumprimento estrito da normativa urbanística e ambiental, especialmente cando as actuacións afectan espazos protexidos pola lexislación de augas. A organización sostén que a protección do dominio público hidráulico constitúe un interese xeral que debe prevalecer durante a execución de proxectos industriais.

A asociación anuncia, ademais, que continuará facendo seguimento da tramitación deste expediente e que exercerá as accións administrativas e xudiciais que considere oportunas para garantir o cumprimento da legalidade e a protección do medio ambiente.

0.36127805709839