AGACA acolle en Santiago unha xornada para reivindicar o papel da muller na agricultura

Co gallo da celebración do Ano Internacional da Agricultora e co obxectivo de dar visibilidade á contribución das mulleres ao sector agroalimentario e abordar os retos pendentes en materia de igualdade e participación nos órganos de decisión, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza o vindeiro mércores 21 de outubro en Santiago de Compostela a xornada “Mulleres que cultivan futuro. Liderado, igualdade e cooperativismo agroalimentario”.
O encontro, que terá lugar no Hotel OCA Porta do Camiño a partir das 10.30 horas, contará coa participación destacada de Sandra Mª Piñeiro, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, que abordará o recoñecemento xurídico do traballo feminino no medio rural baixo o título “As mans invisibles do campo: traballo feminino rural e recoñecemento xurídico. Como o dereito ve —ou deixa de ver— o traballo das mulleres no medio rural”.
A apertura institucional correrá a cargo de Carmen Rodríguez, presidenta de AGACA, e de Darío Arufe, director da oficina de Cajamar en Santiago de Compostela. A colaboración entre ambas as entidades reforzarase coa sinatura dun convenio destinado a apoiar distintas iniciativas impulsadas por AGACA.
Mulleres referentes no cooperativismo
A continuación celebrarase unha mesa de experiencias coa participación de Silvia Ces, socia de CLUN; Concepción Iglesias, vicepresidenta de Viña Costeira e presidenta do Consello Regulador da DO Ribeiro; Ana Corredoira, socia de AIRA e socia promotora de As Vacas da Ulloa; e Raquel Rodríguez, vicepresidenta de HORSAL. Moderará Ana Mª Freire, vicepresidenta de AGACA.