AGPESUR acusa á Xunta de perpetuar unha normativa arbitraria que discrimina á pesca submarina

Denuncian que as restricións carecen de base científica e estudan emprender accións legais por posible prevaricación
Asociacion-Galega-de-Pescadores-Submarinos-Responsables-reunion-Conselleria-2025
24 Jun 2025

A Asociación Galega de Pescadores Submarinos Responsables (AGPESUR) mantivo unha nova reunión coa Consellería do Mar, sen avances significativos sobre a situación de discriminación que, segundo denuncian, sofre o seu colectivo. A pesar de pequenos cambios ofrecidos pola Administración galega, a asociación considera que persiste a intención política de seguir regulando de forma arbitraria a práctica da pesca submarina en Galicia.

O máis grave, sinalan dende AGPESUR, é que estas limitacións mantéñense a pesar de que a propia Consellería recoñece non contar con xustificación técnica ou científica para aplicalas. “O mesmo responsable que critica en Europa a falta de base científica nas normativas sobre arrastre, utiliza ese mesmo argumento para seguir restrinxindo a pesca submarina en Galicia”, indican nun comunicado.

Segundo a asociación, isto non é só unha cuestión de matices legais, senón unha vulneración evidente e continuada de dereitos. Cando unha limitación se aplica sen fundamento obxectivo, falan de arbitrariedade; cando se mantén no tempo conscientemente, consideran que se está vulnerando dereitos fundamentais; pero cando a administración recoñece o erro e decide igualmente mantelo, advirten que podería estar cometéndose unha presunta prevaricación.

AGPESUR lembra que as restricións naceron nos anos 1999 e 2009 por presións dalgunhas confrarías de pescadores profesionais que esixiron limitar a presenza de pescadores submarinos no mar. "Entón e agora, a administración cedeu ante intereses corporativos, privatizando un recurso público e deixando de lado principios como a igualdade, o acceso xusto aos recursos ou a soberanía alimentaria", denuncian.

Durante a xuntanza, a Consellería foi incapaz de explicar por que só a pesca submarina está suxeita a unhas limitacións que non afectan a ningunha outra modalidade. “Seguimos sen obter resposta”, lamentan.

AGPESUR insiste en que a súa actividade é selectiva, sostible e centrada no autoconsumo, e que as restricións actuais non só carecen de sentido, senón que penalizan un modelo respectuoso co medio mariño. Por iso, esixen unha rectificación inmediata da normativa vixente e anuncian que seguirán presentando propostas baseadas en datos contrastados e evidencias técnicas.

Tamén adiantan que poñerán o asunto en mans do seu gabinete xurídico, ao considerar que se está perpetuando de forma consciente unha lexislación arbitraria. Ademais, fan un chamamento a todos os pescadores submarinos e á cidadanía en xeral para sumarse ás futuras accións e mobilizacións co obxectivo de reverter a situación.

⚙ Configurar cookies
0.2435839176178