Agromuralla cualifica de "burla" a subida dos prezos do leite na orixe anunciada polas industrias

A asociación considera inaceptable que, nun contexto de incremento continuado dos custos de produción, as empresas pretendan compensar os gandeiros con "esmolas"
vaca-leite-frisona-moexmu
18 Nov 2026

A Asociación de Gandeiros e Agricultores Agromuralla expresa a súa profunda indignación polos novos prezos que as industrias lácteas comezaron a trasladar ás explotacións gandeiras, con incrementos de apenas un céntimo por litro, agás no caso de Entrepinares, que aplica unha subida de dous céntimos. A organización considera que estas cantidades son unha "burla" aos produtores.

Nun comunicado, Agromuralla critica que as industrias presenten estes pequenos incrementos como unha suba significativa, especialmente despois da drástica redución de prezos aplicada o pasado mes de marzo, cando os recortes se situaron entre os 8 e os 10 céntimos por litro. A asociación considera inaceptable que, tras esa baixada e nun contexto de incremento continuado dos custos de produción, as empresas pretendan compensar os gandeiros con cantidades que cualifica de "esmolas".

Agromuralla lembra que hai uns días un representante da Fundación Juana de Vega compareceu ante unha comisión parlamentaria para analizar a configuración dos prezos do leite na orixe en Galicia. Segundo os datos expostos, os custos de produción das explotacións leiteiras sitúanse entre os 47 e os 48 céntimos por litro.

A asociación considera que estas cifras evidencian a necesidade urxente de revisar os prezos que reciben os produtores e garantir o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria.

Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), o prezo medio do leite en Galicia en setembro de 2026 foi de 0,455 euros por litro. Co incremento dun céntimo anunciado polas industrias, situaríase en 0,46 euros, unha cantidade que continúa por debaixo dos custos estimados de produción.

Ante esta situación, Agromuralla advirte de que, se detecta contratos con prezos inferiores a estes valores de referencia, analizará posibles incumprimentos da normativa e emprenderá todas as accións ao seu alcance para defender os gandeiros afectados.

Dúbidas sobre a competencia entre industrias

Outro dos aspectos que preocupa á asociación é a semellanza dos prezos ofrecidos polas distintas industrias lácteas. Agromuralla considera que esta coincidencia xera dúbidas sobre a existencia dunha competencia real no sector e sobre a posible creación dunha situación de fixación de prezos, como xa sucedeu no pasado.

"A Lei da Cadea Alimentaria debe ser respectada e a fixación de prezos é ilegal", sinala a organización, que asegura que chegará "ao fondo do asunto".

A asociación conclúe que os gandeiros non poden continuar asumindo as consecuencias do incremento dos custos de produción derivado da situación xeopolítica, mentres a industria, ao seu xuízo, pretende saír sempre impune.

0.5555408000946