Agromuralla demanda á Xunta 3.305 millóns de euros para completar as axudas europeas ao campo

A organización defende que os criterios de reparto teñan en conta, en primeiro lugar, aos agricultores e gandeiros máis afectados polo incremento dos custos.
noelia-rodriguez-explotacion-lugo
30 Sep 2026

Agromuralla, Organización Profesional Agraria, reclama ao Goberno rexional que achegue 3.305.166 millóns de euros de fondos propios para complementar as axudas extraordinarias asignadas á comunidade ante o incremento dos custos da enerxía e dos fertilizantes.

Agromuralla explica que a Unión Europea aprobou un paquete extraordinario de 540 millóns de euros para apoiar o sector agrario ante o incremento dos custos de produción derivado da crise en Oriente Medio. Desta cantidade, a España correspondenlle 50,17 millóns de euros que se distribúen entre as distintas comunidades autónomas. A normativa europea permite complementar esta cantidade ata nun 200 % con fondos nacionais, o que permitiría mobilizar outros 100 millóns de euros adicionais.

Segundo o reparto trasladado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, realizado en función da superficie agraria útil (SAU), Galicia ten asignados 1.652.583,30 euros. Ante esta situación, Agromuralla reclama á Consellería que faga uso da posibilidade contemplada na normativa europea e achegue outros 3.305.166 euros, correspondentes ao 200 % dos fondos asignados á rexión.

Agromuralla lembra, ademais, que o Imposto Especial sobre Hidrocarburos reverte en parte sobre as comunidades autónomas, polo que considera que existen razóns suficientes para que a Consellería mobilice eses fondos e complemente as axudas ata o máximo permitido.

A organización considera fundamental que Galicia aproveite esta posibilidade para reforzar unhas axudas europeas e ministeriais que contribúen a paliar o forte incremento dos custos que vén soportando o sector, especialmente en fertilizantes e enerxía, pero que son absolutamente insuficientes.

Agromuralla solicitará directamente á Consellería abordar este asunto e estudar a súa distribución en función das necesidades e prioridades do sector agrario e gandeiro galego.

A organización defende que os criterios de reparto teñan en conta, en primeiro lugar, aos agricultores e gandeiros que se visen máis afectados polo incremento dos custos e a magnitude deste impacto e que, no caso de que os recursos dispoñibles non permitan atender todas as necesidades, se priorice aos profesionais do sector.

“Esta é a hora da verdade. Fálase moito de que somos un sector estratéxico, de soberanía alimentaria, de defender as nosas producións, pois agora é o momento de facelo”, sinalan desde a organización. “Os agricultores e os gandeiros somos os que traballamos por esa soberanía alimentaria que logo defenden os políticos coa boca chea, sen, ademais, conseguir trasladar ese aumento de custos ao longo da cadea porque a lei non funciona”, engaden.

Agromuralla insiste en que o sector continúa afrontando uns elevados custos de produción que están reducindo as marxes das explotacións e considera necesario que as administracións aproveiten todos os recursos dispoñibles para garantir que as axudas teñan un impacto real sobre o sector.

0.32342410087585