Agromuralla exise á Xunta que anule a orde que retrinxe o uso de maquinaria nos meses de verán

A asociación pide "medidas eficaces de prevención" e reclama que se facilite o uso das fincas abandonadas por parte das granxas próximas
Tractor-desbrozar-rozar-campo
2 Jul 2026

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla, que reúne a 400 explotacións de vacún de leite e de carne de toda Galicia, esixe "a retirada inmediata" da orde da Xunta que restrinxe o traballo da maquinaria agrícola e forestal desde as 12 do mediodía até as 6 da tarde durante os meses de xullo, agosto e setembro.

A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, alerta de que esta normativa "impide a realización de traballos agrarios, como a recollida da herba seca, que necesariamente se teñen que realizar na franxa central do día". "Semella un sen sentido ter que explicarlle á Administración que a herba seca para o gando temos que recollela seca, precisamente pola acción do sol, para que a forraxe manteña o seu valor e calidade e estea libre de fungos provocados pola humidade, que son prexudiciais para os animais; é dicir, non podemos recollela cando chove ou fai mal tempo ou co resío das mañás", evidencia.

A Consellería do Medio Rural publicou o pasado luns 29 de xuño no DOG unha Orde (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260629/AnuncioG0426-230626-0004_gl.html) pola que se regula a utilización da maquinaria durante o verán, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro en fincas que estean a menos de 400 metros do monte, e que "dificulta enormemente os traballos agrícolas", denuncia Agromuralla. Medidas estas que se tornan obrigatorias cando xa estamos metidos na campaña de verán, sen marxe de adaptación para a adquisición e adaptación de equipos, de ser o caso.

Culpabilizar precisamente aos que evitan os lumes

Noelia Rodríguez tacha de "despropósito" esta normativa, "aprobada sen consenso e sen nin sequera consultar aos sectores directamente prexudicados". Destaca ademais que "os traballos agrícolas en fincas próximas ao monte contribúen precisamente a evitar a propagación dos lumes", polo que considera "totalmente fora de lugar" a orde aprobada.

"A pesar da vaga de lumes que arrasou Ourense e Sur de Lugo o verán pasado, a Administración non fixo nada durante todo o ano para evitar que a situación se repita e semella que resulta máis doado demonizar aos que vivimos e traballamos no medio rural", quéixase.

"A Xunta estanos demostrando unha vez máis que o gran negocio está na extinción dos incendios e non na prevención dos mesmos e limítase a esixirnos unha serie de medios e a copiar e pegar unha normativa que existe xa noutras comunidades autónomas, como por exemplo en Castela e León, pero que se aplica ás colleitadoras de cereal, cando, nin o tipo de fincas, nin o tipo de traballos que se realizan, nin o tipo de maquinaria son os mesmos que hai en Galicia, por non falar do diferente clima que hai en Castela", denuncia a presidenta de Agromuralla, que chama a atención sobre o gastos que supoñen ter que contar con depósitos de auga de 400 litros e persoal de vixiancia dos traballos agrícolas e forestais que se realicen en parcelas que se atopen a menos de 400 metros do monte.

"Quen vai pagar este sobrecusto que se volve obrigatorio para as explotacións? Quen vai formar aos gandeiros nas tarefas de extinción dun posible lume? Non sería máis práctico que desde a Administración se adopten as medidas de prevención durante todo o ano para que os montes estean limpos cando chega o verán?", pregúntase.

Facilitar o uso de fincas abandonadas por parte de granxas próximas

Agromuralla enfatiza "o valor da gandería na prevención de incendios" e pide que se adopten "medidas eficaces" para evitar que Galicia sufra unha nova vaga de lumes como a sucedida no 2025 na provincia de Ourense e que afectou a ducias de explotacións agrogandeiras, como por exemplo que se facilite o uso das fincas abandonadas por parte de granxas próximas.

"As gandería cumpre unha función esencial na xestión activa do territorio e no mantemento da paisaxe e do medio rural, xa que as explotacións agrogandeiras contribúen ao mantemento dos mosaicos agroforestais, esenciais na prevención dos incendios", asegura.

Por iso, Agromuralla pide á Xunta de Galicia que "facilite" o uso das fincas abandonadas por parte das granxas próximas e a posta en marcha dos mecanismos previstos na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia aprobada no ano 2021.

Unión e solidariedade entre gandeiros

Tralos devastadores incendios forestais sufridos o verán pasado na provincia de Ourense e Sur de Lugo, Agromuralla centrou os seus esforzos en subministar aos gandeiros das zonas afectadas comida para os seus animais, ao igual que fixera no ano 2017 a explotacións dos Ancares.

Desde entón foron xa entregados mais de 40 camións de rolos de silo e herba seca a gandeiros de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga, un labor que se iniciou nas semanas posteriores aos lumes e que continuou durante todo o inverno. A forraxe foi doada por socios de Agromuralla e por outros gandeiros e transportada coa colaboración de camioneiros e empresas do sector do transporte.

"A día de hoxe, a Administración nin sequera lles pagou ás explotacións damnificadas o verán pasado polos lumes as axudas prometidas. Se non tivesen apoio de veciños e outros gandeiros a día de hoxe teriamos que lamentar a perda de ducias de explotacións na montaña de Ourense", asegura a presidenta de Agromuralla.

0.41941118240356