Agromuralla insta ás lácteas a revisar os prezos ante os novos custos de produción

A Asociación de Gandeiros e Agricultores AGROMURALLA reclama á industria láctea a revisión dos prezos dos contratos vixentes ante unha situación que cualifica de catastrófica e excepcional para as explotacións gandeiras, cuns custos de produción que non paran de subir.
AGROMURALLA, que xa alertaba disto o pasado xullo, critica que a industria faga oídos xordos ao que está a ocorrer no sector gandeiro e se escude en que os seus resultados económicos non lle permiten subir os prezos, a pesar de que, con iso, estarían incumprindo a lei da cadea alimentaria que prohibe comprar por baixo de custos.
A asociación explica que as explotacións gandeiras estarían sufrindo, por un lado, o aumento do gasóleo, que xa se sitúa un 25% máis alto que antes de que comezase o conflito en Oriente Medio, e, por outro, os efectos da vaga de calor e seca persistente que seca os pastos e que mingua tamén a produción.
«Esta é a pescada que se morde o rabo. Se os pastos secan, hai que compralos e isto vai directamente a engrosar os custos», comenta Noelia Rodríguez, gandeira e presidenta de AGROMURALLA. «Pero é que ademais tamén, coa calor, as vacas atópanse máis apáticas, cunha produción que baixa arredor dun 23%. Se seguísemos a lei da oferta-demanda, deberiamos vender o noso leite a moito máis», engade.
Neste sentido, desde a asociación considérase que a industria non pode ser allea á realidade e manter prezos que non chegan a cubrir os custos de produción, comprometendo a rendibilidade a uns niveis que son xa insostibles para os produtores lácteos galegos.
«Á industria esquécelle que, sen gandeiros, non hai leite, e sen leite non teñen nada que vender, aínda que digan por aí que non nos necesitan. O sector está cansado, pero mantén o pulso, que non nos poñan a proba», insiste Rodríguez.
AGROMURALLA pide tamén á Consellería que se faga cargo da situación e que poña cartas no asunto ante unha vulneración da lei por parte da industria que estaría empurrando as explotacións gandeiras a abandonar a actividade.