Alberto Meira impón o seu ritmo no Rallyshow das Pontes ante máis de 12.000 afeccionados

O piloto de Skoda Fabia R5 levou a Gran Final por diante de Manuel Senra e Jorge Pérez nunha xornada marcada pola presenza de lendas como Stig Blomqvist, Miki Biasion, Petter Solberg e Luis Moya
AS PONTES alberto meira rallyshow
17 Aug 2026

O rugido dos motores e o ambiente propio das grandes citas do automobilismo volveron converter As Pontes nun dos grandes focos do motor en Galicia. Máis de 12.000 persoas achegáronse este domingo ao circuíto pontés para vivir en directo o Rallyshow das Pontes, principal atractivo da Festa do Motor impulsada pola Deputación da Coruña.

A afluencia comezou a notarse desde primeira hora da mañá, cando centos de afeccionados xa se concentraban nos accesos ao recinto. As bancadas foron enchéndose progresivamente ata ofrecer unha imaxe multitudinaria, con familias, seguidores chegados de diferentes puntos de Galicia e apaixonados polo automobilismo seguindo cada unha das mangas.

A competición contou con máis de 30 pilotos e desenvolveuse ao longo de toda a xornada. Tras os adestramentos libres e a manga clasificatoria, a actividade continuou pola tarde coas eliminatorias de oitavos e cuartos de final, as semifinais e, finalmente, a Gran Final.

Foi nesa última batalla cando Alberto Meira confirmou a súa superioridade ao volante dun Skoda Fabia R5 e conquistou a vitoria. Manuel Senra, aos mandos dun Hyundai i20 WRC, terminou na segunda posición, mentres que Jorge Pérez completou o podio cun Porsche 911 GT3.

Lendas do Mundial para unha xornada histórica

Un dos grandes reclamos da Festa do Motor foi a presenza de varias figuras históricas do Campionato do Mundo de Rallyes. Stig Blomqvist, Miki Biasion e Petter Solberg fixeron as delicias do público coas súas aparicións no circuíto, tanto durante as exhibicións como nos encontros cos afeccionados.

Tamén tivo un papel destacado o coruñés Luis Moya, bicampión do mundo de copilotos xunto a Carlos Sainz e padriño do Rallyshow. A presenza das catro figuras provocou longas filas na Fan Zone, onde os seguidores aproveitaron para facerse fotografías, solicitar autógrafos e compartir uns minutos cos campións.

O espectáculo foi máis alá da competición. As exhibicións e as demostracións de drift mantiveron a actividade sobre o trazado entre as diferentes mangas, mentres o público seguía de preto cada saída dos vehículos.

A organización completou a proposta con diferentes actividades para converter a cita nunha experiencia para toda a familia. Os máis pequenos dispuxeron dun circuíto de educación viaria e tamén houbo unha ampla zona de restauración.

A entrega de trofeos contou coa participación do presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, do deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, e da concelleira de Deportes das Pontes, Elena López.

A Festa do Motor puxo o punto final a unha intensa fin de semana coa actuación de Sés, que serviu como peche musical a unha celebración que situou As Pontes no centro da atención dos afeccionados ao automobilismo.

0.30025410652161