Alma Pérez e Javi Otero conquistan a prata e Carla Sesar logra o bronce no Open de Croacia

O taekwondo galego regresou de Zagreb con tres medallas sénior nun torneo internacional de categoría G-1, no que tamén destacou a participación galega nas categorías cadete e júnior
taekwondo-zagreb
18 Nov 2026

O taekwondo galego asinou unha destacada actuación no Open de Croacia, celebrado os días 14 e 15 de novembro en Zagreb, coa conquista de tres medallas nas categorías sénior. Alma Pérez, do Costado TKD Boiro, e Javier Otero, do Natural Sport, conseguiron a medalla de prata, mentres que Carla Sesar, tamén do Natural Sport, subiu ao terceiro chanzo do podio cun bronce. O evento contou ademais coa presenza do árbitro galego Adrián Maceiras.

Os tres deportistas participaron na competición convocados pola Federación Española, xunto a Helena García, que non puido superar o seu primeiro combate, e Adrián Salanova, que non chegou a competir ao estar recuperándose dunha pequena lesión no abdutor.

Unha das grandes protagonistas foi Alma Pérez Parrado, que acadou a prata na categoría sénior feminina de -53 quilos. A deportista do Costado TKD Boiro completou un excelente percorrido ata a final, encadeando catro vitorias consecutivas. Primeiro impúxose á belga Sirine Houllich por 2-1, despois á croata Nika Dodik por 2-0, á polaca Natasza Woskowiak por 2-1 nos cuartos de final e á tamén croata Dora Radek por 2-0 na semifinal. Na loita polo ouro, enfrontouse á turca Sila Irmak Uzuncavdar, ante quen acabou cedendo en dous asaltos, logrando finalmente a medalla de prata.

Pola súa banda, Carla Sesar conseguiu o bronce na categoría de -57 quilos. A deportista do Natural Sport disputou catro combates e rematou a competición con moi boas sensacións. Superou os seus tres primeiros enfrontamentos en dous asaltos, fronte á croata Sara Jambresić, a grega Athanasia Repoulia e a estadounidense Montana Miller. Na semifinal tivo como rival a Ruya Diler, actual campioa de Europa sub-21, nun combate moi disputado que se resolveu en tres asaltos e no que a galega non conseguiu o pase á final.

«Facía tempo que non me vía tan ben», recoñeceu Carla tras a competición, satisfeita co traballo realizado e coa mirada posta xa no Campionato de Europa sub-21, previsto para mediados de decembro.

A terceira medalla sénior galega chegou da man de Javier Otero, tamén do Natural Sport, que conquistou a prata na categoría de -54 quilos. O deportista galego superou no seu primeiro combate ao xeorxiano Vitali Geladze en dous asaltos e posteriormente venceu ao francés Haddad Owen por 2-1 nun encontro moi igualado. Na final, fronte ao representante de Guinea Abdoul Aziz Aboubacar Diawara, non puido facerse co triunfo e perdeu os dous asaltos. Aínda que o primeiro se lle escapou con claridade, no segundo conseguiu dominar boa parte do combate, pero unha acción decisiva nos últimos segundos acabou decantando a vitoria a favor do seu rival.

O balance galego en Zagreb completouse cos resultados das categorías cadete e júnior, nas que tamén houbo unha importante presenza do Natural Sport. En cadete, Ainara Piñeiro, na categoría de -33 quilos, e Leyre de la Iglesia, en -37 quilos, conseguiron sendas medallas de prata. Pola súa banda, Amy Ndong proclamouse campioa na categoría júnior de -52 quilos, mentres que Thiago Segade acadou o bronce. Todos eles participaron na competición representando o seu club, o Natural Sport.

0.486083984375