Alternativas na Xustiza denuncia que o 93,55 % do persoal de Xustiza en Ourense se queda sen formación presencial para o novo programa Atenea

O sindicato asegura que só 18 dos 279 empregados xudiciais da provincia recibirán clases presenciais antes de que o novo sistema de xestión substitúa por completo ao actual en febreiro de 2027
justicia_xustiza_recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
23 Oct 2026

O sindicato Alternativas na Xustiza denunciou que a gran maioría do persoal xudicial da provincia de Ourense quedará, segundo a súa versión, sen recibir formación presencial sobre 'Atenea', o novo programa informático que xestionará os trámites dos xulgados e que está chamado a substituír ao actual sistema 'Minerva', en funcionamento desde hai máis dunha década.

Segundo denuncia a organización, dos 279 traballadores que integran os corpos de xestión, tramitación e auxilio xudicial na provincia, unicamente 18 recibirían formación presencial, o que suporía que o 93,55 % do persoal quedaría excluído desta modalidade de aprendizaxe. O sindicato atribúe esta situación á falta de resposta por parte da Administración, e sostén que centos de empregados solicitaron individualmente a través da sede electrónica poder recibir esa formación presencial.

A implantación de 'Atenea' está ligada á posta en marcha do Novo Modelo de Oficina Xudicial (NUMO), que segundo o sindicato supuxo cambios na distribución do persoal e no reparto das tarefas. De acordo co calendario que recolle a organización, a partir de xaneiro o novo programa sería o único operativo, mentres que 'Minerva' quedaría definitivamente desactivado o 27 de febreiro de 2027.

O sindicato lembra que en maio a Xunta de Galicia presentou un plan de investimento de máis de 24,4 millóns de euros destinado a dotar de sistemas intelixentes á Xustiza galega, dos cales 17,5 millóns procederían de fondos autonómicos e 6,9 millóns de fondos europeos. Esta partida enmarcaríase, segundo a información difundida daquela pola Administración, no denominado plan Senda, orientado a adaptar a Xustiza ao novo marco legal e incorporar ferramentas de intelixencia artificial. Para o sindicato, resulta contraditorio anunciar un investimento desa magnitude e, ao mesmo tempo, non garantir unha formación de calidade para que o persoal poida manexar eses sistemas.

O colectivo cuestiona ademais o modelo de teleformación posto en marcha como alternativa, ao que cualifica de insuficiente. Entre os problemas que sinala atópanse a imposibilidade de practicar nun contorno de probas, sesións con grupos de ata 50 ou mesmo 100 participantes —entre eles letrados xudiciais, segundo indica— nas que resultaría difícil resolver dúbidas individuais, caídas do sistema Webex durante as clases, e a falta de coñecementos xurídicos ou informáticos por parte dalgúns dos monitores encargados de impartilas. A iso súmase, segundo o sindicato, que varias funcións que operaban correctamente en 'Minerva' non estarían a funcionar igual en 'Atenea', un programa que, ao seu xuízo, aínda non tería sido suficientemente probado. A duración total do curso de teleformación sería de oito horas para todo o persoal da Administración de Xustiza.

Alternativas na Xustiza vincula estas carencias formativas con outras dificultades que atribúe á posta en marcha do NUMO, como a falta de persoal, a ausencia dun estudo previo de cargas de traballo ou a redución de prazas nos servizos comúns, o que, ao seu entender, tería diluído a atención en áreas como a asistencia a vítimas ou os equipos de valoración forense, que terían asumido funcións alleas á súa especialización.

Ante esta situación, o sindicato reclama á Xunta de Galicia que ofreza formación presencial para o conxunto do cadro de persoal sobre o novo programa de xestión, que previsiblemente estará en vigor durante os próximos 15 anos.

0.33703804016113