Alumnos galegos recibirán este curso froita, castañas e leita en forma de axudas

Máis de 80.000 alumnos e alumnas de centros educativos galegos recibirán este curso 2026-2027 froita, castañas e leite, a través das axudas da Xunta de Galicia para fomentar o seu consumo durante o recreo. A través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural, convocaranse as achegas para a subministración destes produtos entre os centros que así o soliciten, cun orzamento de case de 965.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo de Garantía Agraria (Feaga) e fondos propios, dos cales preto de 620.000 euros son para o programa de froita e máis de 345.000 para o de leite.
Os obxectivos destas axudas son incrementar de forma duradeira a proporción consumida de froitas, hortalizas, leite e produtos lácteos durante a etapa de formación dos hábitos alimentarios; conseguir que os nenos e as nenas coñezan máis e desgusten estes produtos, descubran as súas características e propiedades e integren estes alimentos na súa dieta dunha forma natural, ou incorporar a froita como alternativa a outros produtos consumidos no recreo, entre outros.
Os centros educativos que queiran participar nun dos programas, no de subministración de leite ou froita, poderán presentar a súa solicitude desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, prevista para este venres 31 de xullo, e ata o 30 de setembro. O destinatario final desta liña de axudas é o alumnado de educación infantil de segundo ciclo, de primaria e de secundaria, incluída educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional de grao medio.
Haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2026 a febreiro de 2027 e de marzo a xuño do vindeiro ano. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos e, no caso do leite líquido, terá lugar durante un mínimo de 10 días lectivos seguidos.
Na última convocatoria con datos pechados destas axudas xestionadas polo Fogga, a do curso 2024-2025, beneficiáronse máis de 320 centros educativos de toda Galicia, especialmente das provincias de Pontevedra e da Coruña. En concreto, entregáronse máis de 250.000 quilos de froita e máis de 400.000 litros de leite.