Intérpretes, directoras e directores de cine visitarán Pontevedra antes dos Feroz 2026

A programación de actividades previas aos Premios Feroz 2026 en Pontevedra vivirá o seu momento álxido durante o mes de xaneiro, nas semanas previas á gala que se celebrará o día 24 de xaneiro. A cidade recibirá a visita de intérpretes, directoras e directores de algunhas das películas e series con máis nomeamentos aos premios da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE).
O ciclo arrincará cunha programación especial dedicada a Marta Fernández-Muro, Premio Feroz de Honra 2026. O sábado 3 proxectarase La comunidad, de Álex de la Iglesia, e o domingo 4 Volver a empezar, de José Luis Garci, primeira produción española en gañar o Óscar á mellor película estranxeira.
O sábado 10 de xaneiro, Eva Libertad e Álvaro Cervantes presentarán Sorda no Teatro Principal de Pontevedra. A ópera prima de Libertad, que aborda a realidade e as dificultades das persoas xordas, foi recoñecida no Festival de Berlín e no Festival de Málaga, e conta con seis nomeamentos aos Feroz 2026. A sesión será totalmente accesible mediante subtitulado e interpretación en lingua de signos.
O mércores 14 será a quenda de Maspalomas, coa presenza de Los Moriarti, colectivo formado por Jose Mari Goenaga e Aitor Arregi. A película, con sete nomeamentos aos Feroz, afonda na vellez dentro da comunidade LGTBIQ+ e contará cun coloquio posterior nunha sesión realizada en colaboración con Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGTBIQ+ de Pontevedra.
O xoves 15, o director coruñés Alberto Vázquez presentará Decorado, unha longametraxe de animación nomeada a Mellor Comedia nos Feroz 2026, que ofrece unha mirada crítica e aceda sobre o mundo ultracapitalista contemporáneo.
Xa o luns 19, Elvira Mínguez e Manuel Gómez Pereira introducirán La cena, adaptación da obra de José Luis Alonso de Santos que opta a cinco Premios Feroz. Ao día seguinte, ambos visitarán o centro penitenciario da Lama para participar nun encontro cultural con internos e internas tras a proxección do filme.
A programación culminará o xoves 22 coa tradicional charla maxistral do Premio Feroz de Honra. Marta Fernández-Muro conversará co público tras a proxección de Arrebato, de Iván Zulueta, acompañada por María Guerra, presidenta da AICE.
Todas as actividades celebraranse no Teatro Principal de Pontevedra. As entradas son gratuítas, previa retirada na Oficina de Turismo da Praza de España ou mediante inscrición na web municipal.
A Deputación de Pontevedra colabora co Concello de Pontevedra na promoción da edición 2026 da Gala Feroz para consolidar o éxito acadado na pasada edición.