Ampliado o prazo das axudas para a contratación do seguro para impagamento de rendas ou multirrisco

A vixente convocatoria das axudas do programa ‘Fogar Vivo’, conta cunha dotación total de 2,8M€ para mobilizar vivendas en alugueiro accesible
chaves-vivenda-casa-alugueiro
29 May 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a ampliación do prazo de presentación de solicitudes de axudas á contratación de seguros para reforzar e mobilizar no mercado máis vivenda en alugueiro accesible.

Trátase da convocatoria das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar, no marco da convocatoria en vigor do programa “Fogar Vivo”, cuxo prazo estaba inicialmente vixente ata o vindeiro 3 de xuño, estendéndose o mesmo ata o vindeiro 15 de xullo.

Neste caso, o programa contempla axudas de ata 3.000€ para sufragar os seguros de impagos e de danos no fogar durante os 5 primeiros anos do contrato, un incentivo para reforzar a seguridade dos propietarios e animalos a ofertar vivendas en alugueiro.

Cómpre lembrar que a vixente convocatoria das axudas do programa ‘Fogar Vivo’, cunha dotación total de 2,8M€ para mobilizar vivendas en alugueiro accesible, publicouse o pasado 27 de febreiro para incentivar no mercado un maior número de vivendas baleiras ao alugueiro accesible. Con estas axudas, os propietarios tamén poden acometer melloras na vivenda, incluíndo a renovación de electrodomésticos ou sanitarios, acondicionando inmobles que en moitos casos, levaban tempo sen uso, para alugalos.

0.33223104476929