Ampliado o prazo para que 250 centros educativos se poidan incorporar ao novo programa Escola Circular

Trátase dunha iniciativa para formar, sensibilizar e implicar á comunidade escolar galega en materia de economía circular durante o curso 2026-2027
alumnos-estudantes-instituto-educacion
30 Oct 2026

A Xunta de Galicia amplía o prazo ata o 13 de novembro para que os centros educativos poidan incorporarase ao novo programa de concienciación Escola Circular, aberto á participación de ata 250 colexios de Primaria e dirixido ao alumnado de entre 7 e 12 anos para incidir na formación temperá dos participantes en materia de sostibilidade e xestión dos refugallos.

Esta iniciativa ten como obxectivo formar, sensibilizar e implicar á comunidade escolar galega en materia de economía circular e na mellora da xestión dos residuos, promovendo entre o alumnado hábitos responsables, e, por extensión, entre o profesorado e as súas familias durante o curso 2026-2027.

Entre as accións e actuacións incluídas neste programa de educación ambiental, organizaranse obradoiros formativos de carácter práctico e dinámico e crearase o distintivo Escola EcoCircular para recoñecer as boas prácticas e o compromiso coa circularidade dos participantes. Con tal fin, promoveranse dinámicas participativas e traballarase con recursos que reforcen os seus coñecementos sobre circularidade, redución e reutilización, para integrar estas mensaxes nas aulas.

Ademais, o profesorado recibirá apoio pedagóxico e terá á súa disposición material específico e variado para traballar co seu alumnado. Fomentaranse, sobre todo, os recursos dixitais relacionados co programa, que dispón dun espazo web propio desde onde os centros poderán inscribirse, obter información sobre a iniciativa e descargar instrumentos didácticos; e habilitarase un foro en liña de economía circular como espazo colaborativo para o intercambio de propostas metodolóxicas.

Así mesmo, porase en marcha o concurso Misión Circular, que premiará con 5.000, 2.500 e 1.500 euros as ideas máis innovadoras e creativas propostas polos colexios participantes para aplicar os principios da economía circular no seu día a día a través de medidas relacionadas, por exemplo, co fomento da reciclaxe ou coa xestión dos residuos.

0.37209105491638