Amplo seguimento na folga das residencias privadas pola mellora do convenio

A folga convocada pola CIG nas residencias privadas de maiores e centros de día rexistrou este mércores un amplo seguimento en toda Galicia, malia os “abusivos” servizos mínimos impostos pola Xunta. As traballadoras aproveitaron os tempos de descanso para amosar o seu apoio ao paro mediante concentracións ás portas dos centros.
As protestas realizáronse en cidades como Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense ou Compostela, así como en vilas como Noia, Ribadumia, Vilaboa, Ribeira ou Carballo. A través destas mobilizacións, reclaman un convenio colectivo digno, melloras salariais, máis medios e a implicación da Consellaría de Política Social no conflito.
Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, denunciou que a Xunta non chamou ao sindicato a negociar os servizos mínimos ata a véspera da folga e que estes foron publicados no DOG o propio día 10, establecendo prestacións do 100%, o que impide exercer o dereito de folga en moitos centros.
Tamén lamentou a parálise nas negociacións do convenio desde outubro, cando as traballadoras rexeitaron maioritariamente unha proposta patronal que mantén soldos por debaixo do SMI ata 2027 e non contempla melloras nas xornadas, festivos ou baixas. Ante esta situación, a CIG convocou xornadas de folga para o 10 e 22 de abril e o 7 e 21 de maio, ademais dunha gran manifestación o 26 de abril en Compostela.
As traballadoras denuncian unha sobrecarga de traballo provocada por ratios obsoletas e a incorporación de usuarios con enfermidades psiquiátricas en centros non adaptados. A CIG insta á Xunta a asumir responsabilidades nun servizo no que gran parte das prazas son concertadas ou de titularidade pública.