Ana Lua Caiano e Calle Mambo actúan esta semana no ciclo Atardecer no Gaiás da Xunta

Ana Lua Caiano e Calle Mambo actúan esta semana no ciclo Atardecer no Gaiás, con entrada libre na Cidade da Cultura.
Ana Lua
10 Jul 2025

A artista portuguesa e a banda chilena ofrecerán concertos o xoves e venres, respectivamente, na Praza Central da Cidade da Cultura, con entrada libre ás 21,00 h.

O ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, promovido pola Xunta de Galicia, continúa esta semana coa presenza de dúas propostas internacionais. O xoves 10 de xullo será a quenda da artista lisboeta Ana Lua Caiano, galardoada nos Premios da Música Portuguesa 2025 polo seu innovador traballo de fusión entre o folclore e a vangarda sonora. O venres 11 chegará á Praza Central da Cidade da Cultura a banda chilena Calle Mambo, cun espectáculo baseado na riqueza musical de América Latina.

Ana Lua Caiano presentará en Compostela o seu álbum debut Vou ficar neste quadrado, co que conquistou á crítica e ao público portugués. A súa proposta mestura sons tradicionais, sintetizadores e letras poéticas que conectan co presente, configurando unha identidade sonora única que a consolidou como unha das revelacións musicais do ano.

Calle Mambo, pola súa parte, achega unha viaxe musical polas músicas de raíz latinoamericanas combinadas con ritmos urbanos actuais. O seu concerto incluirá ata dez instrumentos tradicionais como a frauta de pan, a quena ou o charango, convidando ao público a bailar nunha proposta ecléctica e festiva.

Programación musical de xullo

O ciclo continuará o día 17 co Atardecer Fest, unha xornada dedicada á música urbana con Dirty Suc, Faenna e Al Safir. O venres 18 será a quenda de Lua de Santana, artista galega de raíces brasileiras, e o día 31 pecharán o mes Mocho Gris, un dúo galego-portugués que fusiona pop, jazz e tradición galega.

Atardecer no Gaiás forma parte da campaña Para gustos, cultura, coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achegará máis de 3.400 actividades culturais por toda Galicia durante o verán, e conta co patrocinio de Cervezas Alhambra.

⚙ Configurar cookies
0.28116416931152