Ana Miranda defende en Bruxelas máis recursos europeos para a vivenda e menos para a escalada armamentística

Ana Miranda reclama en Bruxelas máis fondos europeos para vivenda e lembra que o 73,6 % da mocidade galega non pode acceder a un aluguer polo seu elevado prezo.
Ana Miranda Bruxelas
3 Oct 2025

No marco da conferencia sobre vivenda celebrada esta semana en Bruxelas, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou destinar máis recursos europeos á vivenda e menos á escalada armamentística. Defendeu que a vivenda sexa considerada un dereito humano e non un ben para especular, recordando que o acceso á vivenda é hoxe unha das principais preocupacións da cidadanía galega e europea.

Miranda advertiu que en Europa hai 1,3 millóns de persoas sen fogar, das que 400.000 son menores, e que 50 millóns de cidadáns da UE viven en situación de pobreza enerxética. En Galicia, o 73,6 % da mocidade menor de 30 anos segue a vivir coas súas familias por non poder asumir o custo dun aluguer.

“En 2025, nas rúas dos nosos países, incluído o meu, berramos por unha vivenda digna, para que todas e todos teñamos cartos suficientes para non escoller entre pagar a factura da luz ou encher a cesta da compra”, expresou a eurodeputada. Lembrou que este ano a Comisión Europea presentará o primeiro Plan Europeo de Vivenda Asequible, mais advertiu que “aínda falta moito por facer”.

Tamén puxo o foco na pobreza enerxética, que en Galicia afecta ao 21,6 % da poboación, por riba da media estatal. Propuxo crear un fondo europeo de vivenda e aumentar os recursos destinados á renovación de fogares: “Se a UE quere renovar 35 millóns de vivendas antes de 2030, precisamos máis recursos para a vivenda e menos para a guerra”.

Miranda reclamou ademais un maior control sobre a eficiencia enerxética dos alugueres, a regulación dos alugueres temporais e políticas que garantan o dereito á vivenda digna e a protección do comercio local. “É unha vergoña que en Europa máis dun millón de persoas durman cada noite na rúa”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.3599259853363