Ana Miranda denuncia a distinción da mina de Doade como prosxecto estratéxico da Comisión Europea

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia o fraude na selección da mina de Doade como proxecto estratéxico da Comisión Europea para impulsar as materias críticas na UE, posto que en febreiro de 2025 recibiu unha avaliación negativa por parte dos expertos independentes encargados de avaliar as diversas propostas para a Comisión Europea.
“No BNG seguimos denunciando o extractivismo e as políticas da Xunta avaladas pola Unión Europea que permiten que a mina de Doade, por exemplo, siga sendo un dos proxectos aprobados pola Comisión Europea como estratéxicos, en base a Lei de Materias primas críticas”, explica Ana Miranda, quen realiza esta denuncia xunto a eurodeputada do Bloco de Esquerda, Catarina Martíns, xa que que a Mina do Barroso en Portugal tamén recibiu unha avaliación negativa.
Unha investigación recente do medio de comunicación alemán Table Briefings, -recollida tamén no diario portugués Público-, foi a que revelou que o proxecto mineiro da Mina Doade na Galiza e da Mina do Barroso en Portugal recibiron avaliacións negativa en febreiro de 2025 por parte dos expertos independentes encargados que tiñan que estudar e avaliar as diferentes propostas para a Comisión Europea.
Tal e como Ana Miranda e Catarina Martíns analizaron no encontro que mantiveron en Estrasburgo con Ruth Lipphardt, en nome de Sos Suido Seixo, a pesar desta avaliación negativa inicial, o proxecto foi incluído na lista definitiva de proxectos aprobados pola Comisión Europea como estratéxicos en relación á Lei de Materias Primas Críticas, o cal levou á súa designación o 25 de marzo de 2025.
Reunión urxente
Tendo en conta a gravidade deste asunto, Ana Miranda e Catarina Martins acaban de remitir unha carta a directora xeral da Dirección Xeral de Industria e Comercio Interior na que piden explicacións sobre o procedemento de re-selección dos proxectos que afectan tanto a Galiza como a Portugal. “Pensamos que a Comisión Europea está amparando un proceso que non foi limpo, senón fraudulento, polas presións do Partido Popular”, sinala a eurodeputada do Bloque.
No documento enviado solicitan tamén unha reunión urxente para coñecer máis información sobre o procedemento de selección ao abeiro da Convención de Aarhus, o tratado internacional, asinado pola Unión europea, que garante a transparencia e o aceso público a información sobre decisións gobernamentais e iniciativas que trate sobre a explotación dos recursos naturais e a conservación ambiental.
Esta iniciativa súmase á ofensiva do BNG no Parlamento Europeo contra a reactivación de proxectos extractivistas en Galiza e en concreto, contra a reactivación da mina de Doade. Así, ademais de visitar a zona, Ana Miranda mantivo diversos encontros cos colectivos afectados e presentou diferentes iniciativas parlamentares.