Ana Miranda: “É curioso que o PP empregue os argumentos do BNG sobre a descentralización dos fondos europeos”

A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, expresou a súa sorpresa polo feito de que o PP empregue agora os mesmos argumentos que o BNG leva anos defendendo sobre a descentralización dos fondos europeos, recollidos na chamada “Declaración Galicia”.
Miranda explicou que este encontro promovido polos populares “non é unha reunión formal do Comité das Rexións”, senón un acto organizado pola Xunta cos membros españois do Comité, polo que “non ten ningunha validez institucional”.
A representante galega lembrou que os programas electorais do BNG veñen defendendo historicamente que “Galiza debe ter dereito a xestionar directamente os fondos da Unión Europea”, mentres que a autodenominada Declaración Galicia pide revisar a proposta da Comisión Europea para o marco financeiro plurianual 2028-2034 e rexeita a súa centralización.
“Resulta sorprendente que o PP diga unha cousa en Bruxelas, defendendo a centralización dos fondos, e diga a contraria en Galiza”, apuntou Miranda, quen subliñou que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, pertence ao mesmo partido que Alfonso Rueda. “Non vin aos eurodeputados populares participar na mobilización da semana pasada en Bruxelas contra a centralización dos fondos”, engadiu.
Para Miranda, “é un exercicio de cinismo facer cumios e declaracións en Galiza e logo en Bruxelas apoiar os plans da Comisión Europea”, o que cualificou como “un dobre discurso que pon en risco a capacidade de Galiza para xestionar os seus propios recursos”.
A eurodeputada do BNG lembrou ademais que, pese á grandilocuencia dos populares, o Comité das Rexións non ten competencia sobre os orzamentos comunitarios, xa que a única autoridade lexislativa reside no Parlamento Europeo. Tamén precisou que a Comisión de Política de Cohesión, da que ela é a única integrante galega, é a que realmente tramita estes fondos: “E comigo non falaron en ningún momento”.
Miranda alertou, por último, do perigo que supón o novo National Regional Partnership Plans (NRPP), presentado pola Comisión Europea dentro do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, que pretende concentrar os fondos FEDER, FSE, FEADER, FEMP e Interreg nun único orzamento centralizado. Segundo advertiu, o modelo proposto segue a liña do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, “reducindo a autonomía das rexións e afastando a Galiza da xestión directa dos seus fondos”.