Ana Miranda: “Estamos diciendo en las calles de toda Europa que nos da vergüenza la posición de la UE sobre el genocidio en Gaza y la Flotilla”

A eurodeputada do BNG reclamou no Parlamento Europeo a ruptura de relacións diplomáticas e comerciais con Israel e o embargo de armas, denunciando a “complicidade” da Unión Europea co xenocidio en Gaza.
Ana Miranda
8 Oct 2025

No debate “Papel da Unión no apoio aos recentes esforzos de paz para Gaza”, celebrado hoxe na Eurocámara, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, puxo en valor as recentes mobilizacións en distintas cidades europeas, entre elas Santiago de Compostela, que este pasado fin de semana denunciaron o xenocidio en Gaza e reclamaron protección para a Flotilla que tentou romper o bloqueo da Franxa.

“Estamos dicindo nas rúas en toda Europa que nos dá vergonza a posición da UE”, subliñou Miranda. “Escoita a Unión Europea o clamor e a dignidade das rúas que desde Santiago de Compostela até Ámsterdam piden que se acabe o xenocidio de Israel en Gaza? Non. Que fixo a UE por defender a valentía das persoas que foron na Flotilla humanitaria arriscando a súa vida para denunciar o xenocidio? Nada”, afirmou.

Segundo a eurodeputada, o xenocidio en Gaza “está movendo o mundo” e o que aconteza “condicionará as relacións internacionais e os dereitos humanos”. Considera que a pasividade da presidenta Von der Leyen, así como a hipocrisía e inacción da UE nestes dous anos, “demostran a súa complicidade co xenocidio que comete Netanyahu”.

Miranda reclamou “a ruptura das relacións diplomáticas e comerciais, o embargo de armas e a suspensión do acordo de asociación UE-Israel, así como sancións ao Estado de Israel pola violación de dereitos humanos, pola ocupación e polo apartheid en Palestina”.

A eurodeputada galega denunciou tamén que a UE “non ten humanidade nin dignidade” fronte ás máis de 60.000 persoas asasinadas, os bebés sen comida, os hospitais destruídos e os edificios bombardeados. “Fronte ao odio, as mentiras e burlas da dereita e da extrema dereita que vemos neste debate, a nosa solidariedade e defensa do dereito a existir do Pobo Palestino”, engadiu.

Lembrou ademais que a comisión de investigación da ONU concluíu que Israel comete xenocidio en Gaza ao levar a cabo catro dos cinco actos xenocidas definidos na Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio de 1948. O informe sinala que ao matar, causar lesións graves, someter a condicións de vida que conducen á destrución parcial ou total e impoñer medidas destinadas a impedir a natalidade, as autoridades e forzas israelís pretenden destruír o pobo palestino da Franxa de Gaza como grupo.

⚙ Configurar cookies
0.35622215270996