Ana Miranda insta á presidenta da Eurocámara a prohibir un evento de extrema dereita que atenta contra as mulleres e o colectivo LGTBIQ+

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, impulsou o envío dunha carta á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, na que insta a prohibir a celebración do evento de extrema dereita denominado “VII Cumbre Transatlántica”, previsto para os días 2 e 3 de febreiro nas instalacións da Eurocámara.
O documento conta co apoio de 30 eurodeputadas e eurodeputados pertencentes a catro grupos políticos do Parlamento Europeo —Verdes/ALE, A Esquerda, Renovar Europa e Socialistas e Demócratas— e denuncia que o acto está promovido por partidos de extrema dereita xunto coa organización “Rede Política polos Valores”, á que cualifican de abertamente anti-mulleres e anti-LGTBIQ+.
Segundo se recolle na carta, o encontro reunirá a representantes políticos, activistas e organizacións procedentes de Europa, África e América que manteñen posicións contrarias aos dereitos humanos, aos dereitos das mulleres e ás liberdades do colectivo LGTBIQ+. Por este motivo, os asinantes consideran que o evento “non debería ser financiado con fondos europeos nin celebrarse nas instalacións do Parlamento Europeo”.
Ana Miranda lembra no escrito que foi correlatora da resolución de 2018 sobre o aumento da violencia neofascista en Europa e subliña a obriga da institución de respectar a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e o Código de Conduta do Parlamento Europeo. “O acontecemento atenta contra a dignidade e a integridade tanto das mulleres como das persoas do colectivo LGBTIQ+”, advirte a eurodeputada nacionalista.
A representante do BNG considera incompatible que unha institución democrática como o Parlamento Europeo dea cobertura ou amparo a iniciativas que promoven discursos de odio e discriminación, polo que reclama á súa presidenta que actúe para impedir a celebración deste acto extremista.