Ana Miranda pide que as estatísticas pesqueiras da UE inclúan variables socioeconómicas

A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego Ana Miranda presentou emendas ao informe europeo sobre estatísticas pesqueiras para que inclúa variables socioeconómicas como xénero, idade, nivel de estudos ou ingresos, co obxectivo de adaptar mellor as políticas á realidade do sector.
Ana Miranda
10 Mar 2026

A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego Ana Miranda presentou emendas ao informe sobre estatísticas na pesca da Unión Europea, no que exerce como relatora polo grupo Verdes-ALE, para que a recollida de datos inclúa tamén variables socioeconómicas.

Segundo explicou, estas estatísticas deberían incorporar información como o xénero, a idade, o nivel de estudos ou os ingresos das persoas que traballan no sector pesqueiro.

Miranda subliñou que contar con estes datos resulta fundamental para comprender mellor a realidade do sector e elaborar políticas máis axeitadas ás súas necesidades.

“Trátase dun informe técnico que vai marcar o que se mide na pesca, e o que se mide é o que nos permite facer unha política responsábel e adaptada á realidade”, explicou a eurodeputada galega.

Desenvolvemento sostible do sector

A representante nacionalista indicou que as estatísticas pesqueiras deben ter en conta os tres piares do desenvolvemento sostible: o ambiental, o social e o económico.

Neste sentido, o documento propón que os datos recollidos inclúan tamén parámetros ambientais que permitan avaliar as interaccións entre as actividades pesqueiras e de acuicultura cos ecosistemas mariños.

Entre estes elementos figuran o impacto nos hábitats mariños, a biodiversidade ou a calidade da auga.

Sen máis carga administrativa para o sector

A pesar da importancia de ampliar os datos recollidos, Ana Miranda advertiu de que este proceso non debe supoñer un incremento da carga administrativa para as persoas que traballan no mar.

Por iso, as emendas presentadas propoñen que a recollida de información se basee, sempre que sexa posible, en sistemas de seguimento xa existentes, en fontes administrativas ou nos marcos de información ambiental establecidos pola lexislación europea.

Segundo a eurodeputada do BNG, esta é unha demanda que o propio sector pesqueiro galego leva tempo trasladando ás institucións.

A importancia da calidade da auga

Miranda tamén destacou a relevancia de analizar a relación entre a actividade pesqueira e a calidade da auga, un aspecto clave para o futuro do sector en Galicia.

Neste sentido, lembrou a preocupación existente entre profesionais do mar e do marisqueo pola baixada da salinidade nas rías galegas.

“A calidade da auga é fundamental para o mantemento dunha parte moi importante do sector pesqueiro e marisqueiro galego”, sinalou.

0.3622841835022