Ana Miranda reprocha á Comisión Europea que non cumprise o seu compromiso de verificar os restos radioactivos fronte a costa galega

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, volveu dirixirse á Comisión Europea para denunciar a inacción ante os vertidos de residuos radioactivos fronte ás costas galegas, onde se estima que foron depositados máis de 220.000 bidóns con material perigoso entre os anos 1940 e 1985. Miranda lembra que esta é xa a cuarta pregunta que formula sobre este asunto, esixindo unha investigación propia da UE.
No seu comunicado, Miranda critica que “Galiza recibise o lixo europeo” e que a Unión Europea non adoptase medidas malia recoñecer a existencia destes residuos. A Comisión admitiu que carece de estudos actualizados e que non cumpriu coa vixilancia prevista fronte á costa galega no marco do programa de misións de verificación de 2020 ao abeiro do artigo 35 do Tratado Euratom.
A eurodeputada reclama que a Comisión Europea leve a cabo un estudo sobre o estado actual dos residuos e se implique de forma activa na súa localización e avaliación, especialmente despois de que unha recente expedición oceanográfica francesa localizase máis de mil bidóns radioactivos na zona.