Ana Miranda subliña en Bruxelas a oposición do BNG ao acordo UE-Mercosur

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reiterou en Bruxelas o compromiso do Bloque co sector agrograndeiro galego ao subliñar novamente a oposición do BNG ao acordo entre a Unión Europea e o Mercosur. Fíxoo nos encontros que mantivo con representantes da cooperativa lucense A Carqueixa, no Parlamento Europeo e na Comisión Europea.
“Neste momento somos a única forza que está defendendo a agrogandeiría galega e defendémola con total coherencia”, afirmou Miranda, quen destacou que o BNG “é a voz galega en Europa” e traballa de maneira constante para defender os intereses do País.
A eurodeputada explicou que a viaxe de traballo a Bruxelas dos representantes da cooperativa, Román Sánchez e Alberto Uria, tivo como obxectivo analizar o impacto que o acordo UE-Mercosur pode ter sobre o sector, así como abordar as decisións que está tomando a Comisión Europea na futura negociación da Política Agraria Común (PAC).
Neste contexto, Miranda advertiu de que na futura PAC podería desaparecer o segundo pilar, o de desenvolvemento rural, “fundamental para comarcas de montaña como os Ancares”, onde desenvolve a súa actividade a cooperativa A Carqueixa.
Carta a Ursula von der Leyen
Ana Miranda salientou que o BNG mantén unha posición coherente respecto do acordo UE-Mercosur tanto en Bruxelas como en Madrid e en Galiza, e criticou que outras forzas políticas como PP e PSOE “non poden dicir o mesmo”. Segundo subliñou, “somos a única forza que está defendendo a agrogandeiría galega con total coherencia”.
Nesa liña, a eurodeputada do BNG vén de asinar unha carta, xunto con outras eurodeputadas e eurodeputados de distintos grupos do Parlamento Europeo, dirixida á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na que instan á Comisión a non avanzar na aplicación provisional do acordo comercial UE-Mercosur, nin de ningunha das súas partes, até que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea emita o seu ditame.
A carta lembra tamén que varios comisarios europeos ofreceron garantías de que non se aplicarían provisionalmente acordos comerciais antes de contar co consentimento do Parlamento Europeo. Neste sentido, Miranda lembrou que o pasado 21 de xaneiro o Parlamento Europeo aprobou trasladar o acordo con Mercosur ao Tribunal de Xustiza Europeo, ante dúbidas sobre a súa compatibilidade cos tratados da UE.