Ana Pontón: “A proposta do BNG en materia de financiamento é darlle a Galiza a chave dos seus cartos”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu en Rianxo que a proposta do Bloque en materia de financiamento autonómico pasa por “darlle a Galicia a chave dos seus cartos”, fronte a un modelo que cualificou de “refrito” do sistema actual e que, lonxe de corrixir desigualdades, “afonda na discriminación histórica que sofre o país”.
Pontón realizou estas declaracións durante a homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, onde reivindicou a súa figura como “faro e conciencia viva” nun contexto internacional marcado polo imperialismo, o militarismo e as vulneracións do dereito internacional. “Castelao non é unha figura inmóbil do pasado, é unha voz que nos interpela hoxe”, afirmou.
A líder nacionalista criticou duramente a actitude do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que acusou de manter unha posición “submisa” fronte a Madrid e de limitarse a repetir “o argumentario cutre do PP estatal”. Segundo expuxo, coa proposta presentada polo Goberno do Estado, Galicia só recibiría o 2,8 % dun incremento global de 21.000 millóns de euros, unha porcentaxe que considera claramente insuficiente.
“A proposta do BNG é clara: un concerto económico que permita a Galicia recadar e xestionar o 100% dos seus recursos, cunha facenda propia e capacidade fiscal plena, e unha negociación bilateral Galicia-Estado”, explicou Pontón, quen lembrou que entre 2009 e 2021 o país acumulou un déficit de 14.000 millóns de euros co sistema actual. “Non é Galiza quen vive do Estado, é o Estado quen fai caixa con Galiza”, sentenciou.
No seu discurso, a portavoz do Bloque tamén fixo unha defensa explícita da soberanía dos pobos. Nun momento no que “se viola o dereito internacional”, lembrou que Castelao foi un nacionalista galego, republicano, internacionalista, antiimperialista e pacifista, e asegurou que hoxe “erguería a voz contra o xenocidio en Gaza e contra a agresión imperialista en Venezuela”.
Pontón advertiu dos riscos dun mundo cada vez máis dominado pola violencia e o autoritarismo e chamou a construír unha Galicia soberana, feminista e solidaria, con capacidade de decisión política e económica. “Sen soberanía financeira non hai soberanía política”, subliñou, fronte ao que cualificou de “discurso acomplexado dun país pobre e dependente” promovido pola Xunta.
A portavoz nacional concluíu cunha mensaxe de optimismo e mobilización, apelando a construír “unha nova Galiza, moderna e próspera, aberta ao mundo e comprometida coa paz e a xustiza global”. “Cando o mundo avanza cara á violencia, ten máis sentido ca nunca o internacionalismo solidario”, afirmou.