Ana Pontón apela á rebeldía da mocidade para acadar unha Galiza con futuro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou este mércores á “rebeldía e o inconformismo da mocidade” para construír “unha Galiza na que teña futuro”, durante o acto organizado por Galiza Nova na véspera do Día da Patria, en homenaxe a Castelao e Rosalía de Castro. No encontro tamén interveu Marta Gómez, secretaria xeral da organización xuvenil nacionalista.
Pontón animou á mocidade a non renunciar nunca ao inconformismo e a manter viva “a loita nobre das ideas” que, como dixo Castelao, é a que garante o progreso. “Defender hoxe o progreso é defender as ideas do nacionalismo”, afirmou, reivindicando o legado de Rosalía, Castelao e o traballo do BNG.
A portavoz destacou a diferenza do Bloque fronte ao resto de partidos: “non participamos nin participaremos nunca nas prácticas corruptas do bipartidismo nin da monarquía”, asegurou, subliñando que en 40 anos de historia “non hai ninguén manchado pola corrupción”.
Tamén criticou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por “encubrir un presunto agresor sexual durante meses” e despediño “entre aplausos”, e advertiu que o BNG “non se vai render nunca cando se trata de defender unha Galiza de mulleres libres e iguais”.
Pontón denunciou que o PP “vende Galiza a prezo de saldo” ás multinacionais, impón proxectos como a celulosa de Altri ou a macrominería contaminante, e leva o idioma galego a unha situación de “emerxencia lingüística”.
En clave internacional, defendeu a denuncia do xenocidio do pobo palestino e condenou a complicidade da UE. “Defender o progreso tamén é defender a paz fronte á escalada militar”, sinalou, propoñendo a saída da OTAN.
Marta Gómez salientou o éxito da VII Semana da Patria, con máis de 70 actos por todo o país, e fixo un chamamento a manter viva a bandeira das causas xustas. Gabriel Abilleira, militante novo de Galiza Nova, pechou o acto apelando a continuar o camiño que deixaron Rosalía e Castelao.