Ana Pontón aposta por reforzar as relacións comerciais e culturais entre Galiza e China

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo en Santiago un encontro co embaixador da República Popular China, Yao Jing, no que avogou por potenciar as relacións comerciais entre Galiza e China e abrir novas oportunidades para as empresas galegas neste mercado.
Pontón cualificou a reunión de “moi positiva” e incidiu na importancia estratéxica que teñen estas relacións. “Temos un tecido económico e empresarial competitivo, referente en moitos ámbitos, e sería importante que tamén sexa unha vía de colaboración coa República China”, explicou.
A líder nacionalista recordou que Galiza mantén un forte déficit comercial con China. En 2024 exportou por valor de 218 millóns de euros e importou por 2.108 millóns, dez veces máis. “É preciso recortar esta diferenza e ampliar as posibilidades de negocio das nosas empresas”, subliñou.
Ademais, trasladou ao embaixador o interese galego en acoller investimentos de vangarda e de futuro, sustentables, xeradores de riqueza e emprego, con base no desenvolvemento tecnolóxico.
Pontón tamén apostou por reforzar os intercambios académicos entre universidades galegas e chinesas e pola promoción da cultura e da lingua galegas no país asiático. “O intercambio cultural é a mellor forma de derrubar prexuízos e construír relacións de igualdade e amizade”, destacou.
Finalmente, a portavoz nacional reafirmou o compromiso do BNG co traballo pola soberanía dos pobos, a xustiza e a paz, defendendo unhas relacións internacionais baseadas na igualdade.