Ana Pontón: “As dúas condicións para que a continuidade da lexislatura teña sentido son: cumprir con Galiza e avanzar na axenda social”

Ana Pontón advirte que a continuidade da lexislatura só ten sentido se o Goberno central cumpre con Galiza e acelera a axenda social. Denuncia tamén a “deriva autoritaria” de Rueda e esixe a retirada das “circulares da censura” en centros educativos e sanitarios.
Ana Ponton
12 Jul 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu que a continuidade da lexislatura estatal só ten sentido se o Goberno de Pedro Sánchez cumpre con Galiza e acelera unha axenda social que mellore a vida da xente. “O BNG está en Madrid para defender os intereses dos galegos e das galegas, non para manter ao PSOE no poder”, sentenciou en rolda de prensa.

Pontón lembrou que o BNG mantén un acordo de investidura, non de lexislatura, e que o seu voto seguirá sendo “libre”, condicionado ao cumprimento dos compromisos con Galiza e ao avance de medidas sociais reais. Reivindicou os logros xa obtidos como a rebaixa das peaxes da AP-9, a rexeneración da ría do Burgo, a electrificación da liña Lugo-Ourense ou a condonación da débeda pública, sempre que, sinalou, “Rueda non o impida”.

Pontón criticou tamén a falta de contundencia do Goberno estatal na loita contra a corrupción e pediu máis accións reais. Tamén cargou contra a actitude de Alberto Núñez Feijóo e alertou da tentativa de trasladar a “lameira madrileña” á política galega por parte de Rueda.

A líder nacionalista denunciou a “deriva autoritaria” da Xunta, especialmente pola imposición de “circulares de censura” en centros educativos e sanitarios. Asegurou que estas medidas supoñen unha tentativa de silenciar críticas e impoñer unha única visión ideolóxica, algo que cualificou de “vergoña democrática”. Exixiu a súa retirada inmediata e reiterou que o BNG non deixará de loitar polos dereitos e liberdades da cidadanía.

Tamén reclamou a creación dunha oficina galega contra a corrupción, especialmente en materia de contratación pública, unha proposta que o PP rexeita. “Se non teñen nada que agochar, non deberían opoñerse”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.28384900093079