Ana Pontón celebra que a Comisión Europea declare ilegal a prórroga da concesión da AP-9

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou moi positivamente a decisión da Comisión Europea de ratificar que a prórroga da concesión da AP-9 aprobada polo goberno do PP de Aznar vulnerou a normativa comunitaria e, polo tanto, é ilegal.
“Desde o BNG celebramos que Bruxelas ratifique que a prórroga da AP9 foi ilegal e demandamos ao Estado que acate o ditame, porque é unha oportunidade para rescatar a autoestrada e que Galiza poida ter unha AP9 galega e libre das peaxes”, afirmou Pontón.
A nacionalista insistiu en que esta resolución permite corrixir unha “estafa” que se remonta á decisión do goberno de Aznar de ampliar a concesión até os 75 anos e logo privatizala a prezo de saldo. “Sabíamos que era unha decisión inxusta, unha aldraxe; agora sabemos tamén que foi ilegal”, recalcou.
A ampliación de 25 anos supón, segundo Bruxelas, un cambio substancial do contrato sen licitación pública, o que vulnera os principios de igualdade e transparencia. O BNG encargou un informe á Universidade da Coruña que confirma que tanto a prórroga do PSOE de 10 anos como a do PP de 25 anos son ilegais.
O estudo tamén apunta que a empresa concesionaria non tería dereito a indemnización polo lucro cesante e calcula o custo do rescate da AP-9 en 904,7 millóns de euros, valor de mercado actualizado. “Non tería sentido pagar máis do que pagaron os fondos voitre en 2018”, conclúe.
Ana Pontón pediu ao Goberno do Estado que actúe e ao executivo de Rueda que apoie a iniciativa: “É hora de rematar cunha estafa que pagamos cada día os galegos e galegas”.