Ana Pontón chama á mobilización contra o negacionismo machista este 25N

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un firme chamamento á mobilización este 25 de novembro para facer fronte ao “negacionismo machista” que, ao seu xuízo, practica a dereita e a extrema dereita, converténdose nun dos principais obstáculos na loita contra a violencia de xénero.
Pontón advertiu de que existe un negacionismo “activo ou pasivo” que mina décadas de avances feministas e cuestiona a propia existencia das violencias machistas. Neste sentido, reprochou ao PP os seus ataques ao feminismo e o desmantelamento de políticas de igualdade.
A líder nacionalista foi especialmente crítica coa actuación do Goberno galego ao lembrar que o Executivo de Alfonso Rueda mantiña durante meses no cargo a un conselleiro malia coñecer que estaba denunciado por agresión sexual. “Como nos podemos fiar dun Goberno que senta no seu Consello a un presunto agresor sexual e o despide entre aplausos?”, cuestionou.
Asegurou que apoiar a un home denunciado, mentres se ignora a vítima, “tamén é unha forma de negacionismo”, un “negacionismo institucional” que envía unha mensaxe perigosa ás mulleres: “desde as institucións non vos cren”.
Recortes, incumprimentos e involución
Pontón denunciou unha “involución” impulsada pola extrema dereita e secundada polo PP, que recortou máis dun millón de euros para a loita contra a violencia machista nos Orzamentos de 2026. Lembrou tamén que o Goberno galego reduciu as axudas ás vítimas durante a etapa de Feijóo e leva seis anos incumprindo a Lei galega contra a Violencia Machista, ao non garantir atención psicolóxica na primaria: “Nin un terzo das vítimas recibe esta axuda”.
Tamén sinalou que o PP eliminou a materia de igualdade no ensino e criticou que a Xunta deixe sen executar parte dos fondos do Pacto de Estado contra a violencia machista. Un informe do Consello de Contas confirma que os recursos destinados a prevención e sensibilización se converteron en “residuais”.
Neste contexto, Pontón lembrou a grave realidade que vive Galiza: 60 mulleres asasinadas desde 2008, 6.133 casos activos no sistema VioGén e 21 denuncias ao día.
As propostas do BNG
A portavoz nacional salientou tres medidas clave do BNG para reforzar a resposta institucional:
Destinar o 1% do Orzamento da Xunta á loita contra a violencia de xénero, “porque falamos de salvar vidas”.
Garantir atención psicolóxica nas consultas de atención primaria, contratando 100 profesionais.
Ampliar a rede de CIM a todo o territorio galego, evitando a súa privatización e garantindo acceso universal.
Para Pontón, este 25N debe servir para “dicir alto e claro que abonda xa de violencias machistas”, e para reivindicar que as mulleres teñen dereito a vivir libres, seguras e iguais.