Ana Pontón defende reformar o Estatuto para que Galiza teña “a chave dos seus cartos”

A portavoz nacional do BNG pide ao PP e ao PSOE que apoien a toma en consideración dunha proposta para establecer un concerto económico, que permitiría a Galiza recadar e xestionar o 100% dos seus impostos.
Ana Ponton
24 Jun 2025

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en rolda de prensa a proposta que o BNG levará ao Pleno do Parlamento para reformar o Estatuto co obxectivo de que as galegas e os galegos teñan “a chave dos seus cartos a través dun concerto económico”. Trátase dunha proposta ambiciosa para blindar no Estatuto un modelo que permita mellorar a sanidade, a educación, as políticas de vivenda ou a atención á dependencia.

Pontón advertiu que o actual modelo de financiamento é discriminatorio e provoca a perda de miles de millóns de euros cada ano. Citou o informe do Consello de Contas, que sinala un déficit acumulado de 13.975 millóns de euros entre 2009 e 2021. Segundo outros estudos, como o do economista Xosé Díaz, a diferenza entre o recadado polo Estado en Galiza e o que se inviste podería acadar os 5.344 millóns anuais.

A líder do BNG lembrou que Euskadi e Navarra xa teñen un concerto económico, mentres que Cataluña avanza nesa dirección. “Galiza non pode quedar atrás”, asegurou, engadindo que ter un concerto suporía dispor de 4.000 millóns de euros máis cada ano.

Pontón instou ao PP e ao PSOE a apoiar esta proposta, que permitiría negociar co Estado un concerto propio, cunha facenda galega con todas as funcións e capacidade de decisión fiscal. “Xa está ben de que as eléctricas, a banca ou as multinacionais paguen os seus impostos en Madrid; isto é un espolio”, concluíu.

A portavoz do BNG tamén aproveitou a comparecencia para condenar os bombardeos de Israel e EEUU sobre Irán e reclamou a saída do Estado español da OTAN, denunciando a súa complicidade nunha escalada bélica “ilegal e inhumana”.

⚙ Configurar cookies
0.26529097557068