Ana Pontón destaca a creatividade e a innovación do goberno do BNG que fan de Pontevedra unha cidade de referencia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou este xoves en Pontevedra “a creatividade e a innovación” na xestión do goberno municipal liderado por Miguel Anxo Fernández Lores, que converten a cidade nunha referencia tanto a nivel galego como internacional.
Tras manter unha reunión co executivo local, Pontón asegurou que Pontevedra é un “magnífico exemplo” do modelo de goberno do Bloque cando asume responsabilidades institucionais. “O goberno de Pontevedra e o que representa o BNG para este País demostran como, utilizando a creatividade e a innovación, somos capaces de facer avanzar a nosa sociedade”, afirmou.
A líder nacionalista subliñou que este modelo de xestión nace da convicción de que Galicia e as súas cidades poden ser pioneiras nos ámbitos nos que deciden avanzar. “Pensamos Pontevedra e pensamos Galiza en grande”, afirmou, destacando como terceiro piar da acción de goberno a confianza no potencial propio da cidade.
“Nada disto sería posible sen confiar nas capacidades que tiña Pontevedra. O goberno de Lores demostrou que, crendo no potencial existente, pódense acadar obxectivos que moitos consideraban imposibles”, sinalou Pontón.
Entre os exemplos de creatividade e innovación, a portavoz do BNG destacou, en primeiro lugar, as políticas de promoción da cidade a través de vías propias, coa organización de eventos e a proxección internacional mediante canles propias.
En segundo lugar, puxo en valor o modelo urbano desenvolvido en Pontevedra, recoñecido por organismos internacionais como ONU Hábitat ou o Banco Mundial, e estudado en países de Europa, Estados Unidos ou China.
Pontón salientou tamén o modelo de mobilidade urbana, replicado noutras cidades do Estado e de Europa, e avalado polos seus altos índices de seguridade viaria, recoñecidos tanto pola DXT como pola Unión Europea.
Por último, destacou as políticas de protección ambiental, especialmente a xestión integral do ciclo da auga e o sistema de residuos, cun modelo de compostaxe comunitaria recoñecido a nivel europeo.
“Pontevedra non só ten un bo goberno que pensa en mellorar a vida das persoas, senón que é un exemplo de como deixar atrás rutinas e aplicar solucións innovadoras que funcionan”, concluíu Pontón.