Ana Pontón: “O BNG é a forza que defende Galicia ante o Estado”

Baixo o lema Co BNG, Galiza gaña, o Bloque Nacionalista Galego lanzou este xoves unha nova campaña política para reivindicar que é “a única forza que pon Galicia na axenda do Estado e defende os intereses do País, sexa quen sexa o inquilino da Moncloa”. Así o asegurou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto no que estivo acompañada polo deputado no Congreso Néstor Rego e pola senadora Carme da Silva.
Pontón puxo en valor o que definiu como unha “estratexia de negociación intelixente, firme e coherente” do BNG fronte ao Goberno do Estado, en contraste cun Executivo galego presidido por Alfonso Rueda ao que acusou de manter unha “confrontación inútil” con Madrid. “Fronte á folla en branco do PP, o BNG presenta unha lista longa de resultados concretos acadados grazas ao traballo nas Cortes”, subliñou.
Entre eses avances, a líder nacionalista destacou os descontos históricos na AP-9, a quita de arredor de 4.000 millóns de euros da débeda, o impulso ao saneamento da ría do Burgo, a modernización de infraestruturas ferroviarias como a liña Lugo–Ourense ou os avances para implantar un servizo de Cercanías en Galicia. Tamén sinalou melloras nas pensións, na defensa da lingua galega e no mantemento de servizos de transporte público.
Pontón incidiu en que o BNG non busca “privilexios”, senón “xustiza e respecto” para Galicia, fronte á discriminación que, ao seu xuízo, practican tanto PP como PSOE cando gobernan no Estado. “Non somos máis ca ninguén, pero tampouco menos”, afirmou.
Pola súa banda, Néstor Rego salientou que o BNG actúa como “muro de contención fronte á dereita e á ultradereita” e lembrou que non houbo ningún problema que afectase á cidadanía galega que non fose levado ás Cortes polo Bloque con propostas e alternativas. Destacou tamén iniciativas como a defensa da redución da xornada laboral a 35 horas ou unha política internacional baseada na paz e na soberanía dos pobos.
A senadora Carme da Silva contrapuxo o traballo negociador do BNG ao papel do PP nas cámaras estatais, ao que acusou de actuar como un freo aos avances para Galicia. “Canta máis forza teña o BNG nas Cortes, máis posibilidades haberá de que os avances se convertan en realidade”, concluíu.