Ana Pontón preguntou a Rueda se Galicia está preparada para outra vaga de incendios como a de 2025

Aféalle que incumprise a súa promesa de limpar as faixas de seguridade: “Nin sequera foi capaz de facelo nas parroquias priorizadas"
ana-ponton-parlamento
17 Jun 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, cuestionou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se “está Galiza preparada para sobrevivir e evitar un inferno como o vivido no pasado verán” coa vaga de incendios, logo de 17 anos cun modelo fracasado asentado sobre a eucaliptización e o abandono do rural.

“A min gustaríame pensar que si, pero lamentablemente leva 17 anos mantendo un modelo que ten dúas patas: abandono do noso medio rural e encher o País de eucaliptos, eucaliptos até na sopa”, remarcou, para a continuación recriminar a Rueda que, co seu modelo, “Galiza arde cada ano”.

Pontón lamentou que o titular do Executivo non aprendera nada nin na vaga de lumes de 2017, nin na de 2021, nin na de 2025, na que o País sufriu os maiores incendios deste século. “Ao contrario, continúa cun modelo fracasado cando Galiza necesita con urxencia un novo modelo forestal e un rural vivo”, advertiu.

Fronte á “barra libre do eucalipto” do Goberno do PP, a líder nacionalista defendeu unha moratoria indefinida e un monte en mosaico e multiprodutivo, e fronte ao seu abandono do rural, propuxo un fondo plurianual de prevención para os concellos e axudas directas ás explotacións agrogandeiras en zonas de alto risco de incendios, dado que “ter un rural vivo é a mellor medida contra os lumes”, alegou.

A portavoz nacional criticou a Rueda que, pese a que “os lumes apáganse no inverno”, nos últimos seis anos deixara sen executar 95 millóns de euros do programa de prevención e teña neste momento contratos de labores de limpeza e desbroce por valor de 16 millóns sen executar “a tres días de que empece o verán”.

Pontón recriminou ao presidente da Xunta que despois da “catástrofe do pasado verán” só fixera un único anuncio, comprometerse para este 2026 a limpar as faixas de seguridade nos concellos de menos de 10.000 habitantes. “Non o fixo, demostrando unha vez máis que a súa palabra non vale nada”, reprochou a un Rueda ao que lle lembrou que “non é capaz de facelo nin nas parroquias priorizadas”.

Neste sentido, recordoulle que o informe do seu propio goberno do pasado luns “para dicirlles aos galegos e ás galegas que estaba todo controlado”, recoñecía que das 276 parroquias priorizadas só se realizaran a limpeza das franxas de protección en 70.

“É dicir, ten o 75% do traballo sen facer”, advertiu ao titular do Executivo, nunha intervención na que tamén trasladou toda a súa solidariedade aos brigadistas e á veciñanza de Padrón e Boborás que sufriron os incendios dos últimos días mentres a conselleira do Medio Rural “estaba de romaría”.

A líder do BNG lamentou os habituais ataques e descualificacións persoais de Rueda na súa resposta, tentando converter o Parlamento nunha lameira para agochar o seu “auténtico fracaso” na política forestal e na loita contra os lumes e pediulle que, na vez de manipular e mentir, “diga a verdade á xente”.

“Prometeu que en 2025 teriamos un novo plan director do sector forestal e non o fixo, anunciou en 2020 que teriamos unha nova lei de incendios e non a fixo e anunciou neste Parlamento que este ano a Xunta asumiría a limpeza das franxas secundarias nos concellos de menos de 10.000 habitantes e, como é incapaz de facelo, ven aquí a atacarme a min e ao BNG”, enumerou. “O grave é que vostede, de cada dúas palabras que di, tres son mentira”, afeoulle.

Pontón reprochou a Rueda que repetise a mesma propaganda sobre o Pladiga que en 2025, cando presumía de estar preparados ante os incendios, de ter máis persoal que nunca ou de estar traballando con intelixencia artificial, tal e como reitera este ano “coa mesma matraca da propaganda”. “Sabe cal foi o resultado da súa propaganda? Os maiores lumes do século XXI neste País”, recriminoulle.

Ante as súas insinuacións sobre o BNG, recordou ao titular do Executivo que a única forza política que traballou para que “fora ma a loita contra os lumes” é o PP, que enviaba circulares cando gobernaba o BNG para que se dilatara a constitución das brigadas para logo dicir que o Goberno non actuaba. “A nós nunca nos verá aí”, remarcoulle.

A líder nacionalista reclamou a Rueda que deixe de enganar aos galegos e ás galegas coa súa propaganda e cumpra coa súa palabra. “A pregunta que nos facemos é: cando un presidente incumpre a súa palabra, que estamos ante unha mentira ou ante a incompetencia para gobernar?”, cuestionou.

Nesta liña, advertiu ao presidente da Xunta que Galiza “non necesita a súa propaganda forestal”, senón enfrontar o problema estrutural que ten cos lumes e tomar medidas para evitalo. “Porque mentres vostede acumula titulares, este País acumula incendios e xente desaloxada das súas casas e iso é que non queremos”, concluíu.

0.34879684448242