Ana Pontón propón aumentar as axudas polos lumes a 200.000 € e acusa á Xunta de xestión neglixente

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de “insuficientes” as axudas habilitadas pola Xunta para as persoas afectadas pola recente vaga de lumes e propuxo elevar até 200.000 euros as destinadas a vivenda, crear unha nova de 6.000 euros para autónomas, cooperativas ou pequenas empresas, e que se teña en conta tamén o lucro cesante.
Pontón desprazouse este xoves á comarca de Valdeorras, unha das máis castigadas polos incendios de agosto, acompañada pola alcaldesa da Rúa, María Albert, o deputado Secundino Fernández e outros representantes políticos da zona. Na súa visita mantivo encontros con sectores afectados, entre eles o vitivinícola, e advertiu da importancia de que “ningunha explotación nin sector económico se paralice tras os lumes”.
A líder nacionalista apostou porque esta vaga de incendios sexa “un punto de inflexión” que leve á posta en marcha dun novo modelo forestal, fronte ás políticas do PP que, segundo dixo, “desprotexen o territorio”. Entre as medidas reclamou ampliar a franxa de protección dos núcleos a 100 metros e crear un fondo extraordinario para que “esas franxas pasen do papel á realidade”.
Pontón lembrou que o plan alternativo do BNG, “Da Cinza á Vida”, recolle máis de 50 propostas para evitar novas vagas de lumes e garantir futuro para o rural. Criticou tamén que a Xunta non atendese as recomendacións do grupo de expertos de 2019, que instaban a que o 43% do dispositivo estivese en Ourense, quedando finalmente 11 puntos por baixo do recomendado.
A portavoz acusou a Xunta de estar “desbordada” durante a crise, con situacións de “caos” e sen responder ás súas responsabilidades. Como exemplo, apuntou ao incendio do vertedoiro da Rúa, que supuxo “un risco para a saúde pública”, e reclamou que a Administración galega non só financie o seu clausurado senón tamén unha solución de futuro.
“É hora de esixir responsabilidades ao Goberno de Rueda pola súa neglixente xestión desta vaga de lumes e pola súa deixadez de funcións”, concluíu Pontón.