Ana Pontón propón un plan integral con máis de 50 medidas para evitar novas vagas de incendios e darlle futuro ao rural

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou en Ourense o plan “Da Cinza á Vida”, con máis de 50 medidas para evitar novas vagas de incendios, recuperar o territorio e darlle futuro ao rural. Propón máis prevención, axudas directas, un novo modelo forestal multifuncional e un gran acordo de país.
Medidas Incendios
3 Sep 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou en Ourense o plan “Da Cinza á Vida”, unha iniciativa integral do goberno alternativo nacionalista que busca que os devastadores lumes deste verán sexan un punto de inflexión nas políticas forestais e de desenvolvemento rural en Galicia.

O documento recolle máis de 50 medidas concretas para prestar atención inmediata ás persoas afectadas, garantir unha recuperación ambiental real, impulsar un novo modelo de monte multifuncional, reforzar a prevención estrutural e revitalizar o rural.

Apoio ás persoas afectadas e recuperación das zonas queimadas

Entre as propostas figura a creación dun fondo Xunta-Estado de 200 millóns de euros ampliables, un plan de restauración hidrolóxico forestal, o incremento das axudas a vivendas até 200.000 € e unha axuda directa de 6.000 € a autónomxs, pemes e economía social, con tramitación de “burocracia cero”.

Novo modelo forestal e desenvolvemento rural

Pontón defendeu un monte produtivo e en mosaico, alternando especies, devasas e pasteiros, e a implantación dunha moratoria a novas plantacións de eucalipto. O plan inclúe recuperar as UXFOR (Unidades de Xestión Forestal), impulsar o pastoreo, a produción de madeiras de calidade e novos aproveitamentos do monte.

Prevención e protección do territorio

O Bloque aposta por duplicar os fondos de prevención en dous anos, poñer en marcha un plan verde de emprego de 50 millóns de euros e aumentar a faixa de protección a vivendas e núcleos ata 100 metros, con financiamento público extraordinario.

Pontón recalcou que Galicia “merece moito máis que a propaganda e a descoordinación do PP” e apelou a un gran acordo de país que poña en valor o monte, dea futuro ao rural e permita afrontar o cambio climático con medidas eficaces.

⚙ Configurar cookies
0.32178997993469