Ana Pontón propón un programa de compra de vivenda pública para ofrecer a prezos asumibles pola cidadanía

A portavoz nacional do BNG defende a compra de inmobles xa existentes como unha alternativa máis rápida, sustentable e integradora que a construción de nova vivenda, co obxectivo de crear un parque público de 4.000 vivendas en cinco anos.
Bng
10 Oct 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo desde A Coruña que a Xunta poña en marcha un programa de compra pública de vivenda para poñela a disposición da cidadanía en réxime de alugueiro a prezos accesibles.

Tras un encontro con veciños e veciñas da cidade para abordar as dificultades de acceso á vivenda, Pontón explicou que o obxectivo é crear un parque público de 4.000 vivendas en cinco anos, orientado á clase traballadora, á mocidade e ás rendas máis baixas, garantindo alugueiros “a prezos que a xente poida pagar”.

A líder nacionalista destacou as vantaxes desta proposta fronte á construción de nova vivenda. En primeiro lugar, subliñou que é unha solución máis rápida para responder a un problema que require medidas urxentes, xa que os procesos de nova construción son moito máis lentos.

En segundo lugar, sinalou que é unha alternativa máis sustentable e ecolóxica, ao aproveitar o parque de vivenda xa existente. Ademais, engadiu que é máis integradora e solidaria, pois permite que a vivenda pública se reparta por toda a cidade e non quede concentrada en determinadas zonas, evitando así situacións de exclusión.

Pontón incidiu en que esta medida permitirá mobilizar parte das 90.000 vivendas baleiras existentes só nas grandes cidades galegas e crear un parque público de alugueiro a prezos asumibles.

A portavoz nacionalista tamén defendeu que a Xunta exerza o dereito de tanteo e retracto sobre as vivendas públicas que se van vender e que amplíe ese dereito a máis ámbitos, mediante a creación dunha comisión técnica que xestione o proceso e permita declarar zonas de compra preferente.

“Isto vainos permitir que Galiza incremente a vivenda pública en alugueiro, porque agora estamos moi lonxe da media europea, e sabemos que esa é a única alternativa que teñen miles de persoas”, afirmou.

Por último, Pontón instou ao Goberno galego a aproveitar a liña de financiamento específica para compra pública de vivenda incluída no novo Plan Estatal de Vivenda, unha oportunidade que, asegurou, “Galiza nin debe nin pode perder”.

⚙ Configurar cookies
0.30960297584534